Vilarreal, principal novidade no cartel do XVIII Torneo Internacional de Fútbol 7 Benxamín Cidade de Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Volve o Torneo Internacional de Fútbol 7 Benxamín Cidade de Pontevedra. O torneo, que este ano alcanza a súa décimo oitava edición, foi presentado na tarde deste martes nos salóns do Hotel Galicia Palace de Pontevedra.
A cita será unha vez máis no campo da Xunqueira, que o sábado 18 e o domingo 19 de xuño acollerá a 20 equipos nunha sempre espectacular fase final do Torneo.
Oito dos participantes chegan desde a fase previa disputada en maio: os pontevedreses Salgueiriños e Sagrado Corazón, Ancorad'ouro de Marín, que debuta nesta edición, e a ED Arousa, ademais do Colegio Hogar (Vigo), Xuventude Oroso, Ural (A Coruña) e Pabellón Ourense. A eles únenselle como convidados o club organizador, Escuela de Fútbol Portero 2000, Cristo de la Victoria (Vigo), Agrupación Xuvenil de Lérez, Benfica (Portugal), Sporting de Lisboa, Rayo Vallecano, R.C. Celta, Deportivo da Coruña, Real Sporting de Gijón, Real Valladolid, CD. Lugo e a principal novidade no cartel, o Vilarreal, que acode como representante dunha das mellores canteiras de España.
As ausencias máis destacadas son as do vencedor da pasada edición, o FC Barcelona, así como clásicos no torneo como Porto ou Atlético de Madrid, que este ano declinaron a invitación da organización, o que con todo non fai que diminúa o máis mínimo o interese do evento, que xa tivo o luxo de acoller a participantes que chegaron á elite futbolística, como Gerard Deulofeu ou Koke Resurrección, entre outros moitos.
O torneo arrincará ás 10:00 horas do sábado nunha xornada que se prolongará ata as 21:00 horas, mentres o domingo a competición contará cunha xornada matinal que concluirá coa final, prevista para as 13:45 horas.
A presentación, conducida polo xornalista da TVG, Terio Carrera, contou coa presenza de autoridades representativas do Concello de Pontevedra, Deputación Provincial, Xunta de Galicia e Federación Galega de fútbol, xunto co presidente do Portero 2000, Manolo Sánchez e o futbolista Fran Fandiño, exjugador de Pontevedra e Arousa, que foi un dos integrantes do equipo da Seca que conseguiu o título de campión na primeira edición.
Dani Abalo, futbolista do Deportivo Alavés, co que acaba de lograr o ascenso a Primeira División, exerceu como padriño da presente edición.
Relacionadas:
-
Sporting de Portugal imponse nunha bonita final do "XVIII Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín"
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Villarreal apunta a favorito tras a primeira xornada do XVIII Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Toneladas de ilusión na fase previa do Torneo Internacional Cidade de Pontevedra
Por Diego Torrado |
-
O Barcelona rompe o dominio luso ao derrotar o Benfica no "XVII Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín"
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Emoción, goles e bo xogo na primeira xornada do XVII Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |