Última bala de Saleta Castro para chegar ao Campionato do Mundo Ironman en Hawaii
Por Diego Espiño
"Era algo impensable hace un mes", recoñece Saleta Castro, pero o seu brillante sexto posto no Campionato de Europa de Ironman, en Frankfurt, abriu unha porta á esperanza.
A triatleta pontevedresa xogarase a unha soa carta a clasificación para o Mundial da especialidade, que se disputará en outubro en Kona (Hawaii), e é que os puntos logrados en Alemaña poñen ao seu alcance colocarse entre as 40 mellores do ránking mundial, as que acceden á proba profesional máis prestixiosa do planeta (35 máis as gañadoras dos cinco campionatos continentais).
Saleta conta actualmente con 3.045 puntos no posto 51 do ránking, polos 4.215 que marca a triatleta que marcha na posición 40, a australiana Duke Dimity-Lee. Por iso necesita un podio en Maastritcht (Holanda) o próximo 31 de xullo, cita elixida por ela para tentar o asalto a Hawaii e que contará cun nivel competitivo menor ao das súas últimas carreiras.
"Si hago tercera correría en Dublín un 70.3 en agosto para asegurar los puntos", explicou a deportista a PontevedraViva tras un adestramento na cidade do Lérez, onde permanecerá ata o que o vindeiro luns 25 poña rumbo a Holanda.
Farao coa moral en todo o alto, despois dun ano complicado polos problemas físicos que lle obrigaron a retirarse de dúas probas Ironman, en Texas e sobre todo Lanzarote, e que fixeron moito dano na súa confianza. Por sorte despois de realizar un test de nutrición e detectar o problema que lle atacaba en carreira todo volveu á normalidade.
A iso úneselle a maneira de terminar en Frankfurt, realizando o terceiro mellor parcial de todas as participantes no maratón (3:04:54) e rebaixando o seu mellor marca nesta distancia en 10 minutos: "No me esperaba correr así una maratón, aunque sabía que podía hacerlo", explica.
Por todo iso, aínda que sabe que é "difícil que en un Ironman todo salga perfecto" e que en 2017 terá unha nova oportunidade, Saleta Castro non se rende e avisa, irá "a por todas" en Maastricht na busca do seu soño. A recompensa ben merece o esforzo.
Relacionadas:
-
Saleta Castro, segunda no Ironman de Maastricht, a un paso do mundial de Hawaii
Por Ramiro Espiño |
-
Final feliz para Saleta Castro, que recupera a súa bicicleta para competir no Ironman de Maastricht
Por Diego Espiño |
-
Vueling perde a bicicleta de Saleta Castro a poucos días de que se xogue a súa presenza no Mundial Ironman
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Saleta Castro recobra a moral cun fantástico sexto posto no Ironman de Frankfurt
Por Diego Espiño |
-
A semana máis dura de Saleta Castro
Por Diego Espiño |
-
Décimo posto para Saleta Castro no Ironman 70.3 de Monterrey
Por Redacción |