O Pontevedra bota o ferrollo a Pasarón
Por Diego Espiño
A semellanza do Doutor Jekyll e Mr.Hyde, o Pontevedra está a mostrar no inicio de liga dúas caras ben diferenciadas, unha vulnerable a domicilio e outra infranqueable no Estadio Municipal de Pasarón.
Se fóra da casa os granates só conseguiron sumar un punto en tres partidos, co empate da primeira xornada en Guijuelo e derrotas en Santander e Vigo, no seu estadio a cousa cambia, e os de Luisito encadean tres triunfos consecutivos (Mutilvera, Palencia e Izarra) cunhas cifras contundentes, 7 goles a favor e só 1 en contra.
O cadro granate ten a tiro coa visita o vindeiro domingo (17:00 horas) do Racing de Ferrol o reto de igualar o mellor inicio como local dos últimos 20 anos.
O Pontevedra non gaña o seu primeiros catro partidos na casa desde a tempada 86/87
Para atopar un arranque ligueiro con catro vitorias en casa seguidas hai que remontarse á tempada 86/87, nunha Segunda B de grupo único na que cada triunfo valía 2 puntos. Aquel ano os granates venceron nos seus catro primeiros compromisos como local ante Salamanca, Granada, Ourense e Ceuta.
Desde entón, só noutras dúas ocasións gañaron os tres partidos iniciais en Pasarón, na campaña 92/93 e na 2008/2009, ambas as en Segunda B.
Estatísticas aparte, para superar estas cifras e engancharse á zona alta da táboa o Pontevedra deberá superar o domingo a un Racing de Ferrol que despois dun inicio titubeante empeza a recuperar o seu xogo, como testemuñan os seus dúas últimas vitorias en Palencia e ante o Celta B na Malata.
QUENDA PARA OS MENOS HABITUAIS EN COPA FEDERACIÓN
A semana de preparación é atípica para os granates, que este mércores deben afrontar as semifinais da fase rexional da Copa Federación, unha eliminatoria a partido único e a domicilio ante o Rápido de Bouzas que se disputará ás 20:45 horas no estadio Baltasar Pujales.
Luisito aproveitará a ocasión para dar minutos aos futbolistas que menos están a actuar ata o momento en liga, co obxectivo de que demostren merecer máis oportunidades ao longo da tempada.
VIAXE DE AFECCIONADOS A BURGOS
Aínda que primeiro toca xogar de novo en Pasarón, un grupo de socios do club granate comezou a organizar un desprazamento en autocar para poder apoiar ao equipo no próximo encontro fóra de casa, en Burgos. Os interesados poden anotarse no Café Bar Lareira (Avenida da Coruña).
Relacionadas:
-
O potencial do Racing de Ferrol, ameaza para un Pontevedra que quere afianzarse na zona nobre
Por Diego Espiño |
-
Dani Benítez, principal dúbida no Racing de Ferrol antes de visitar Pasarón
Por Raúl Salgado |
-
Os penaltis clasifican ao Pontevedra para a final autonómica da Copa Federación (2-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
A paciencia dun Pontevedra serio pode co muro do Izarra (2-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Íker Alegre operado con éxito
Por Ramiro Espiño |