Excesivo castigo do Barcelona a un digno Cisne que cede na segunda parte (28-35)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Foi demasiado rival o Barcelona para un Cisne que competiu mentres aguantaron as forzas, exactamante ata o minuto 40, realizando unha excelente primeira parte na que tratou de ti ao seu poderoso rival, para ceder nos últimos 20 minutos, cando a profundidade de banco dos azulgranas impúxose con claridade, facendo valer o seu poderío ofensivo e variedade de recursos.
Os de Jabato fixeron un bo partido a pesar do avultado do marcador final. Mesmo foron por diante durante boa parte do primeiro período, aínda que as súas vantaxes nunca superaron os dous goles. Con Javi Vázquez inspirado polo extremo e David Chapela con Guille Rial dirixindo o ataque, o Cisne respondía a cada acción do seu rival con outra plena de intensidade para facer soñar coa posibilidade de dar a sorpresa.
Incluso o equipo branco mereceu retirarse ao descanso por diante, pero con vantaxe mínima Toño Lafuente detivo un balón e tentou un contragolpe que foi cortado polos cataláns, aproveitando para empatar (16-16).
A dúbida dos afeccionados no descanso era se o Cisne ía poder aguantar o forte ritmo. Pronto se viu que non. Mentres os brancos aguantaban con poucos cambios, en cadro azulgrana permitíase o luxo de dar minutos a todos os seus homes, que se turnaban en levar a responsabilidade do equipo. Ademais, Revuelta case pechou a súa portería, e despois de sete minutos nos que se mantivo a igualdade, o Barcelona escapouse.
Do 18-19 pasouse pronto ao 20-26 (minuto 42), cun parcial para os visitantes de 1-7 que sentenciou o partido. Jabato pediu tempo morto e o equipo pontevedrés seguiu tentándoo, variando a defensa a un arriscado 4-2, que a calidade azulgrana salvou sen maiores problemas, ben cos lanzamentos exteriores de Castro, ou atopando con maior facilidade a conexión co pivote ou as penetracións, a pesar das boas intervencións de Pablo Galán.
Nin co partido resolto baixou a intensidade o Barcelona, como tampouco deixou de dar a cara un Cisne que o tentou e perdeu con dignidade, sabendo que este partido era de "outra liga".
BM CISNE (28): Toño Lafuente; Adrián Menduiña (3), Miguel Simón, Javi Vázquez (8, 1 de penalti), Carlos Pombo (4), Iago Cuadrado (5), David Chapela (4) -sete inicial-, Pablo Galán (p.s.); Xosé Canedo (1), Álex Chan (1), Pablo Picallo, Fabián González, Pablo Rey, Pablo Gayoso (1), Alejandro Conde e Guille Rial (1).
FC BARCELONA B LASSA (35): Gerard; Deumal (4), Aleix Gómez (3, 1 de penalti), Joán Amigó (3), Tremps (1), Jung (3), Castro (8) -sete inicial-, Revuelta (p.s.), Herms (p.s.); León (3), Matías Galán, Oriol Rey (2), Oliveras, Cherouveim (1), Pere Vaquer (6) e Cerezo (1).
Árbitros: Álvaro García Vico e Juan María Sanmartín Almazán (Andalucía). Excluíron dous minutos a Miguel Simón e Alejandro Conde, polo Cisne, e a Joán Amigó (2), Cerezo, Deumal e Oliveras, polo Barcelona.
Marcador (cada cinco minutos): 4-3, 7-7, 8-9, 11-9, 13-12, 16-16 (descanso), 18-19, 20-24, 21-27, 22-30, 25-32 e 28-35 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 250 espectadores.
Relacionadas:
-
O Cisne gaña con autoridade a un combativo Bordils (33-26)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Unha mala primeira parte condena o Cisne en Palma del Río (29-27)
Por Redacción |
-
Palma del Río, reto aínda máis difícil para o Cisne
Por Diego Espiño |
-
Sete minutos de seca ofensiva levan o Cisne á derrota en Alcobendas (36-31)
Por Redacción |
-
O Cisne inicia en Alcobendas a súa semana máis complicada
Por Diego Espiño |
-
Pablo Rey leva ao Cisne á segunda rolda de copa eliminando ao Grupo Covadonga (31-29)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |