O Pontevedra, na busca dun golpe de efecto no Vao
Por Diego Espiño
Só o líder, a Cultural Leonesa, logrou levar esta tempada os tres puntos do campo do Vao, onde o Coruxo fíxose forte para ir recuperando posicións na clasificación da Segunda B.
Un reto de altura pois para un Pontevedra que busca este sábado (16:30 horas, TVG2) en Vigo o seu segundo triunfo ligueiro a domicilio que lle consolidaría ademais entre os catro primeiros clasificados antes dunha fase da competición na que xogará tres do seu seguintes catro partidos en Pasarón.
É unha oportunidade de dar un golpe de efecto e así o ven os granates, que queren sorprender a un Coruxo que a pesar da súa derrota no derbi local ante o Celta B chega nun bo momento á cita.
Tamén o fai o Pontevedra, aínda que os de Luisito deben recuperar a fortaleza defensiva que perderon ante o Somozas para tentar sacar algo positivo do encontro.
Luisito leva a Vigo a todos os xogadores dispoñibles, polo que deberá facer algún descarte antes do choque, coas baixas por lesión de Iker Alegre e Dani Portela. Pola súa banda Rafa Saéz non poderá contar no Coruxo co lesionado Mateo Míguez e o sancionado Iosu Villar, expulsado a pasada fin de semana.
No club vigués recoñece a súa preocupación polo estado que presentará o céspede do Vao tras as intensas choivas deste semana, aínda que o bo tempo deste venres e o previsto para o sábado axudará a que o xogo non quede demasiado condicionado por esta circunstancia.
O Coruxo decretou medio día do club para este partido, polo que os seus socios deberán pasar por despacho de billetes e abonar 5 euros. Pola súa banda a entrada para o público adulto fixouse en 15 euros.
O colexiado do encontro será o madrileño Fernando Bueno Prieto.