O Leis, ilusionado con recibir ao Santiago Futsal en Copa Xunta
Por Redacción
Aínda que este sábado o Leis Pontevedra masculino debe afrontar un importante partido de liga en Salamanca, ante o San José FS, o club pontevedrés pensa xa nun duelo especial, o que lle enfrontará ao Santiago Futsal na Copa Xunta.
O Leis recibirá o martes 6 de decembro (12:00 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes ao club compostelán, que milita na máxima categoría nacional.
Serán os cuartos de final da competición, con eliminatoria a partido único, polo que a directiva pontevedresa decidiu fixar prezos populares en busca dun bo ambiente no municipal, aproveitando ademais que se trata dun día festivo.
Deste xeito o público adulto pagará 2 euros pola entrada e o infantil 1 euros, sendo gratuíto para os xogadores de categorías inferiores de todos os clubs da provincia.
Antes, os de Manu Cossío esperan dar un paso adiante na Segunda B gañando a un rival directo pola permanencia, o San José, que ten dous puntos menos que o Leis en liga. En caso de gañar os pontevedreses lograrían ampliar a súa renda sobre o descenso, pero pola contra de perder meteríanse na zona delicada da clasificación.