O gol non só é cousa de Mario Barco
Por Diego Espiño
Os afeccionados do Pontevedra están a gozar esta tempada como nunca do seu equipo cando xoga como local, onde gañou os seus nove comprosimos ata a data, pero tamén da súa faceta goleadora, confirmándose como o terceiro máximo anotador da competición ligueira.
Nesta estatística só o líder, Cultural Leonesa, e o Celta B superan aos granates, aínda que os vigueses fano por un só gol (32 polos 31 do Pontevedra).
Boa culpa diso tena Mario Barco, que con 10 tantos é o pichichi destacado do equipo e sitúase en cifras goleadoras durante a primeira volta da liga que en Pasarón remóntanse á etapa na que estaban no equipo os brasileiros Yuri ou Igor de Souza.
Pero o ariete navarro non é o único responsable do bo momento do Pontevedra cara o gol, xa que se atopa ben secundado polos seus compañeiros e ata outros 10 futbolistas do primeiro plantel viron porta no que vai de liga.
Trátase de Bonilla, con 4 goles ao destacarse como un especialista en accións a balón parado, Mateu Ferrer (3), David Añón (3), Abel Suárez (2), Jacobo Trigo (2), Álex Fernández (1), Álex González (1), Iker Alegre (1), Portela (1) e Mouriño (1). Todo iso sen contar os tantos propiciados por Miguel Loureiro e Mateu ante o Lealtad, o día do 75 aniversario do club, que o colexiado atribuíu no acta a un defensor do cadro asturiano.
KEVIN PRESA, SERIA DÚBIDA ANTE O CAUDAL
O Pontevedra prepara xa a que será a última xornada do ano, coa visita do Caudal de Mieres ao Estadio Municipal de Pasarón (domingo, 17:00 horas).
O choque perderao case con total seguridade Kevin Presa, que en Aranda de Duero retirouse lesionado con molestias na súa perna esquerda. Tras serlle realizada unha ecografía, descartouse que sufra unha rotura muscular, pero as probas revelaron unha elongación que lle converten en seria dúbida para o choque.
VISITAS A COLEXIOS DA CIDADE
Coa intención de mellorar a asistencia ao estadio de Pasarón, o club granate iniciou unha campaña nos colexios da cidade, pola que varios futbolistas do primeiro equipo acudirán aos centros educativos para compartir experiencias cos alumnos e obsequiarlles con entradas para o choque do próximo domingo 18 de decembro.
Relacionadas:
-
Os excesos en Nadal teñen castigo no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Á décima non puido ser e o Caudal evita a "volta perfecta" do Pontevedra en Pasarón (0-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Ante o Caudal, a pechar a primeira volta con pleno de vitorias na casa
Por Diego Espiño |
-
Santi Mariño deixa de ser o adestrador do Pontevedra B
Por Diego Espiño |
-
Pisa firme o Pontevedra que non dá opción á Arandina e volve gañar a domicilio (0-2)
Por Redacción |