Inxusto empate do Leis masculino ante o Boal (3-3) para despedir o ano
Por Redacción
Fixo méritos suficientes o Leis Pontevedra para despedir con vitoria na Segunda División B Masculina, pero tivo que conformarse cun empate na visita do Boal (3-3) ao pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe.
O equipo adestrado por Manu Cossío foi superior ao seu rival durante todo o partido, pero dúas xogadas desafortunadas e un erro na saída de balón lastraron as súas posibilidades.
O Leis arrincou dominando o choque e intenso no xogo, atopando recompensa xa no primeiro minuto cun gol de Berto. Parecía que en calquera momento podía chegar o segundo, pero os visitantes remontaron con fortuna en dous minutos en dúas xogadas con varios rebotes.
Recuperáronse os locais e volveron dominar ata que o minuto 15 Dani conseguía igualar o marcador nunha boa xogada colectiva.
Xa na segunda metade o Leis seguiu mandando na busca do triunfo, pero nun erro o Boal volvíase adiantar a falta de 10 minutos. A falta de menos de catro minutos, Manu Cossío apostaba por xogar de cinco, atopando premio no 38 co 3-3, obra de Miguel.
Buscaron os pontevedreses un gol máis para levar a vitoria, pero sen fortuna. Con este resultado o Leis queda na undécima praza con 9 puntos, tres de vantaxe sobre o propio Boal. A liga na Segunda B de fútbol sala non se retomará ata o día 14 de xaneiro.