Derrotas dos equipos do Leis e vitoria do Cidade de Pontevedra ante o Fisober
Por Redacción
Despois de varias semanas complicadas, o Cidade de Pontevedra volveulle a tomar o pulso á Segunda División Feminina de fútbol sala.
O equipo pontevedrés venceu na casa ao Fisober (4-1) nun partido máis igualado do que reflicte o marcador final.
Con este triunfo, o Cidade toma aire na clasificación e colócase na novena praza do Grupo I, afastándose da zona baixa.
Peor lle foron as cousas ao Leis Pontevedra na xornada do Grupo IV, nun partido ante o San Fernando no que pagou caros os seus erros e terminou perdendo con claridade (0-4). O Leis arrincou ben o partido, con oportunidades para adiantarse, pero unha perda de balón no 14 propiciou o primeiro tanto visitante e unha xogada de estratexia antes do descanso o segundo.
Na continuación tentou reaccionar o equipo pontevedrés, forzando pronto cinco faltas e tendo opción desde o dobre penalti, pero non a aproveitou e as madrileñas terminaron sentenciando.
Con este resultado ante un rival directo pola permanencia o Leis cae á última posición con 6 puntos.
Tampouco lle foi ben esta fin de semana ao equipo masculino de Segunda B do Leis, que perdeu no Barco de Valdeorras ante o Pizarras Tres Cuñados (6-4), nun partido no que excepto no 0-1 foi sempre a remolque no marcador.
Os de Manu Cossío conseguiron igualar a dous, pero as imprecisións foron unha laxa para eles e o cadro local púxose de novo por diante. O Leis non lle perdeu a cara ao choque e cun gol de Barcala (5-4) puxo emoción aos minutos finais, pero co xogo de cinco pecou de falta de acerto e o Pizarras terminou sentenciando o duelo.
Coa derrota o Leis queda agora na undécima praza con 8 puntos.
Relacionadas:
-
Inxusto empate do Leis masculino ante o Boal (3-3) para despedir o ano
Por Redacción |
-
Vital triunfo do Leis na súa loita por evitar o descenso na Segunda División Feminina
Por Redacción |
-
Boa imaxe do Leis Pontevedra ante o Santiago Futsal en Copa Xunta (1-4)
Por Redacción |
-
Primeira vitoria do Leis feminino que bate (1-4) o Alovera en Guadalaxara
Por Redacción |
-
O Leis trae os tres puntos de Salamanca tras derrotar (6-7) o Frontón San José
Por Redacción |