Vital triunfo do Leis na súa loita por evitar o descenso na Segunda División Feminina
Por Redacción
Importante vitoria do Leis Pontevedra na súa pelexa por escapar dos postos de descenso no Grupo IV da Segunda División Feminina de fútbol sala.
O equipo pontevedrés venceu a un rival directo no seu último partido do ano, o Mora Fs (3-2), nun intenso e emocionante choque disputado no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe.
O cadro visitante apostou por saír de inicio con porteira xogadora para levar a iniciativa, pero atopouse cun madrugador gol de Ali no minuto 2 cun disparo desde campo propio tras recuperación de balón.
Pasaron a dominar as locais, con ocasións para o segundo ata que nunha acción de estratexia, no minuto 10, empataba o Moura. As pontevedresas seguírono tentando e lograron recompensa antes do descanso co 2-1 nunha gran xogada colectiva culminada por Mar.
Na segunda metade o Moura saíu en busca do empate pero sen profundidade, ata que aproveitou un barullo na área no 27 para poñer de novo a igualada.
O gol espertou ao Leis, que atravesaba os seus peores minutos, e de novo as de Raúl Jiménez fixéronse co control do partido, aínda que houbo que esperar ao último minuto para lograr o definitivo 3-2, co segundo tanto de Mar.
O triunfo permite ao Leis poñerse con 9 puntos, na penúltima posición pero a un só punto do seu rival na última xornada, o Mora, cando chegan as vacacións de Nadal. A liga de Segunda División Feminina non se retomará ata o 7 de xaneiro.