España supera a Serbia e Rumanía e logra a permanencia na máxima categoría do tenis de mesa europeo
Por Redacción & Diego Torrado
A selección española masculina de tenis de mesa conseguiu o seu obxectivo da permanencia na Championship Division, máxima categoría do tenis de mesa continental, ao impoñerse no Pavillón Municipal pontevedrés no partido da Liga Europea de Nacións que lle enfrontaba a Serbia. España impúxose por un claro 3-0, co que consegue manterse na elite do tenis de mesa Europeo finalizando ademais nunha destacada cuarta posición no seu grupo.
A selección feminina, que tiña asegurada a permanencia, sumouse á festa conseguindo tamén vencer, aínda que neste caso por un axustado 3-2, á selección de Romanía, vitoria que a deixa, ao igual que o combinado masculino, na cuarta posición.
No partido ante o equipo serbio He Zhi Wen 'Juanito' abría o choque enfrontándose a Bojan Milosevic, do que se desfacía sen moitos problemas por 3-0, con parciais de 11-7, 11-8 e 11-6, subindo o primeiro punto para España ao marcador.
Máis complicado tívoo o Campión de España, Carlos Machado, que comezaba cedendo o primeiro set por 9-11, pero remontaba cun 15-13 e 11-9 e non puido completar no cuarto cedendo por 9-11 de novo. Quedaba todo para o quinto e definitivo set, no que o xogador español foi superior impoñéndose por 11-7, subindo o 2-0 ao marcador xeral.
Jesús Cantero era o encargado de certificar a vitoria española cun traballado triunfo ante Marko Jevtcovic. O xogador gaditano comezaba cedendo por 8-11 no primeiro set e tomaba vantaxe anotándose os dous seguintes por 11-6 e 11-7 para ceder de novo no cuarto por 5-11. Cantero comezaba ben o quinto e definitivo set que acababa levándose por 11-7, o que servía para pechar o anhelado triunfo por 3-0 ante Serbia.
Desta forma España finaliza como cuarta do Grupo A por diante da potente Suecia, subcampiona de Europa, ante a que o equipo nacional conseguiu unha épica vitoria na primeira xornada desta liguilla clasificatoria para o Campionato de Europa. Unha clasificación que dá unha boa posición a España para o sorteo do próximo europeo que se celebrará en outubro en Austria.
Mentres, no partido do equipo feminino que disputaban España e Romanía, o primeiro choque enfrontaba á xogadora do CN Mataró, Galia Dvorak, coa romanesa Bernardete Szocs, xogadora que está por diante no ranking mundial no posto 97, e á que se impoñía nun gran partido por 3-0 (11-5, 11-8 e 11-9).
Entraba entón en xogo Sara Ramírez, do Fotoprix Vic, que se enfrontaba á número 18 do mundo, Elizabeta Samara, coa que cedía por 0-3 con parciais bastante axustados e un maratoniano segundo set que rematou en 28-30, mentres que o primeiro foi por 8-11 e o terceiro por 9-11.
Yanfei Shen volvía adiantar o equipo español conseguindo unha vitoria ante a súa compañeira no UCAM Cartagena, Iulia Necula. A número 1 de Europa impoñíase en 3 sets á xogadora romanesa, con parciais de 11-5, 11-8 e 11-7.
Entraba de novo en xogo Galia Dvorak que se enfrontaba á número 1 do equipo romanés, Elizabeta Samara. A española impoñíase no primeiro set por 11-9, pero cedía os dous seguintes por 9-11 e 5-11. De novo a xogadora española igualaba cun 11-9, pero a romanesa adxudicábase o definitivo por 2-11.
Desta forma quedaba todo pendente do choque entre Sara Ramírez e Bernardete Szocs, conseguindo a recén proclamada Campioa de España un triunfo por 3-0, que asinaba o 3-2 definitivo no marcador xeral, con parciais de 11-9, 14-12 e 11-7, para a xogadora do Vic.
Péchase así esta Liga Europea de Clasificación co obxectivo cumprido de manter os dous equipos nacionais na Championship Division, máxima categoría do tenis de mesa continental, onde se tiveron que enfrontar a algunhas das seleccións máis potentes de Europa e do mundo.