O ciclista do Froiz Alejandro Regueiro, citado pola Selección Española
Por Redacción
Non está a ser a tempada que esperaba o Grupo Deportivo Supermercados Froiz cando no principio do ano fixaba a Copa de España Elite e Sub-23 como un dos seus principais obxectivos, pero nas últimas semanas o equipo pontevedrés está a recibir boas novas en forma de convocatoria dos seus ciclistas para competir co Equipo Nacional.
Se primeiro foi Martín Bouzas o citado polo seleccionador español elite e sub-23, Pascual Momparler, para participar na Vuelta a Asturias, agora tocoulle a quenda ao tamén galego Alejandro Regueiro, o que demostra a progresión que están a levar a cabo ambos os ciclistas do Froiz.
Regueiro tomará parte do 5 ao 7 de maio na Vuelta a Madrid, rolda por etapas na que poderá medir as súas forzas con corredores profesionais de equipos como o Movistar, Caja Rural ou o W52-FC Porto portugués, entre outros.
A Selección Española nesta carreira completarana Sergio Vega (Unieuro Trevigiani), Biel Pons (Escribano Sport Team), Urko Berrade (Lizarte), Bernat Font (GSport Valencia), Txomin Juaristi (Cafés Baqué-BH), Eusebio Pascual (Mutua Levante) e Juanjo Lobato (Lotto NL Jumbo), vencedor hai un ano cando corría coas cores do Movistar.
Precisamente Alejandro Regueiro foi o mellor clasificado do equipo na última cita da Copa de España, a Santikutz Klasika disputada a pasada fin de semana no País Vasco, ao entrar no posto 33 en meta a 59 segundos do vencedor e novo líder da xeral, Sergio Samitier (Lizarte). Na xeral da Copa o ciclista do Froiz mellor situado segue sendo Martín Lestido, no posto 22.
O vindeiro domingo 7 de maio o equipo pontevedrés estará presente na penúltima proba puntuable desta competición, a Clásica Xavi Tondo que se celebra na localidade catalá de Valls.
Relacionadas:
-
Un triunfo en Toledo permite ao Froiz aliviar as penas da Copa de España
Por Redacción |
-
Chegan as voltas por etapas, o terreo preferido do Froiz
Por Redacción |
-
O Froiz reforza o seu equipo cunha promesa do ciclismo colombiano
Por Redacción |
-
Martín Bouzas, convocado pola Selección Española para participar na Vuelta a Asturias
Por Redacción |
-
O corredor do Froiz César Neira, triplo campión de España de ciclismo adaptado
Por Redacción |
-
Pedro Merino dálle ao Super Froiz a vitoria no Trofeo Iberdrola en Zamora
Por Redacción |