Deporte e solidariedade unidos no campus de Pontevedra
Por Redacción
A área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo prepara para as datas previas ao nadal unha serie de actividades que unirán deporte e solidariedade.
En concreto, os días 14 e 17 de decembro, o pavillón universitario acollerá un maratón de zumba e unha competición de crossfit destinados a prestar axuda a diferentes causas.
No caso do maratón de zumba, o obxectivo será reunir alimentos para ser entregados ao Comedor Social de San Francisco. Celebrarase o xoves 14 de 20:00 a 22:00 horas e o único requisito para participar será o de entregar polo menos un quilo de produtos alimenticios non perecedoiros. O obxectivo que se fixa a organización é o de superar os 150 quilos recadados na pasada edición.
Pola súa banda a terceira edición do Crossfit Solidario combinará a doazón a unha ONG de parte da cota de inscrición coa recollida de alimentos, roupa e xoguetes que serán doados ao Banco de Alimentos e a Cáritas. Esta actividade promovida pola universidade xunto a Crossfit Turoqua está aberta á participación dun máximo de 25 parellas.
Neste caso será necesario abonar o mesmo día do evento unha cota de 5 euros, mentres a inscrición poderase formalizar previamente a través do organizador ou na plataforma Deporxest.