Esperado e importante primeiro derbi da tempada entre Cangas e Teucro
Por Diego Espiño
Un derbi sempre é un partido especial, pero se é ante un rival directo pola permanencia adquire maior importancia se cabe. É o que ocorre co primeiro enfrontamento da tempada na Liga Asobal entre Cangas e Condes de Albarei Teucro.
O pavillón do Gatañal (sábado, 17:00 horas) será escenario dun encontro que pode marcar a ambos os dous equipos para ben e para mal. Aos do Morrazo para iniciar a súa remontada e saír de postos de descenso e aos pontevedreses para instalarse na zona cómoda da clasificación. Iso se conseguen a que sería a súa primeira vitoria a domicilio do curso, xa que no caso contrario verían como o seu rival colócase a só dous puntos.
"Esto es larguísimo", avisa Quique Domínguez quintando transcendencia ao resultado dun choque no que o obxectivo será "intentar que haya tranquilidad, que no haya exceso de nervios".
O Teucro ten ademais "tanta necesidad de puntuar como el Cangas", defende Domínguez, que xa poderá contar para o derbi co repescado Samu Gómez. Pola contra Johnny Medina terá que esperar un pouco máis para volver ao equipo.
O tradicional ambiente do Gatañal será outras das claves da xornada, aínda que os pontevedreses non estarán sós en Cangas ao estar previsto o desprazamento de afeccionados e mesmo o club colaborou xestionando a reserva dun autocar.
Todo apunta en todo caso a un duelo en grao sumo igualado no que pouco contarán as estatísticas, que sinalan que os locais gañaron dous partidos e perdido tres na súa pista ata a data, aínda que o fixeron ante tres dos catro primeiros clasificados (Ademar, Barcelona e Guadalajara).
Os colexiados designados para o derbi pontevedrés da Liga Asobal son o vasco Javier Álvarez Mata e o navarro Ion Bustamante López.
Relacionadas:
-
Cangas e Condes de Albarei Teucro converten o empate nun clásico dos derbis (26-26)
Por Ramiro Espiño |
-
Johnny Medina, a mellor 'fichaxe' de inverno para o Teucro
Por Diego Espiño |
-
Santana e unha gran defensa elevan ao Teucro ante o Atlético Valladolid (28-22)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
O Teucro repesca a Samu Gómez para reforzar o seu plantel
Por Diego Espiño |