O Rayo Majadahonda castiga a fraxilidade dun Pontevedra esvaecido (0-3)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
As prazas de descenso directo están cada vez preto dun Pontevedra que este domingo mostrou a súa peor cara no Estadio Municipal de Pasarón na visita dun dos equipos da zona alta da táboa como o Rayo Majadahonda (0-3).
Os granates estiveron fráxiles, en defensa e sobre todo mentalmente, con múltiples erros que foron penalizados polo cadro madrileño. Demasiada laxa para un bloque local que en ningún momento atopou o seu xogo nin estivo cómodo sobre o irregular céspede.
Volvía tras varias xornadas Luismi á defensa de catro, con Goldar e Darío Flores na zona central e David Castro e Nacho nos laterais, acompañados por un centro do campo con Adrián León e Álex Fernández. A variación con todo non forneceu o efecto desexado e nos primeiros instantes o equipo transmitía certa inseguridade, aínda que sen grandes ocasións dun Rayo Majadahonda que ameazaba cando o esférico chegada a tres cuartos de campo.
En todo caso a batalla inicial expúxose na medular, con moita loita polo control do partido, e por iso as ocasións brillaban pola súa ausencia. Así, o primeiro en disparar a porta o cadro local nunha acción no minuto 15 na que Jorge, escorado á esquerda, puxo en lixeiros apuros o gardameta visitante.
Tivo que pasar máis doutro cuarto de hora para ver outra ocasión que levou a incerteza ás bancadas, xa que foi a primeira dos madrileños nun centro de De Frutos que Coto rematou ao traveseiro. Sementou dúbidas esta acción e na seguinte chegaría o 0-1 nun cúmulo de erros na zaga. Primeiro Edu viuse obrigado a saír á desesperada cometendo unha falta ao bordo da área na que se temeu pola súa expulsión, e dese golpe franco chegou o saque de esquina que se convertería en gol. Era o minuto 34 cando o esférico desde o costado non o logra despexar Adrián León e tras varios rebotes Andújar mete a bota para mandar o balón á rede.
Foi un duro golpe para os granates, que se mostraron desconcertados tras o tanto pero que reaccionaron cunha boa ocasión que puido supoñer a igualada ao fío do 40. Jorge Hernández desbordou pola esquerda e o seu centro raso, tras atraer a atención Iván Martín e deixar pasar o balón, chegou a un Álex González que con todo a favor no punto de penalti rematou contra Basilio. Esa acción puido cambiar o signo do choque, pero así se chegou ao descanso.
O segundo tempo iniciouse cun disparo desde a frontal de Jorge que marchou alto. Parecía que os granates querían dar un paso adiante na busca da igualada, pero os erros persistían transmitindo nerviosismo a xogadores e afeccionados. Nun deles, de vulto, tras un saque de Edu no minuto 49 rexeitado pola defensa visitante, De Frutos quedou man a man co porteiro aproveitando unha indecisión de Goldar e Nacho. Por fortuna Jeisson perdoou cando se cantaba o gol.
Esa inseguridade cantaxiouse ao xogo, cun Pontevedra que recorría en demasiadas ocasións ao xogo directo e que pelexaban máis por corazón que por cabeza. Deu un paso atrás tamén o Rayo á espera de cazar unha contra, e así foron pasando os minutos sen grandes opcións e cunha petición de penalti de Añón como único reseñable (o colexiado mostroulle a amarela ao entender que finxía).
Foi así ata que nos últimos 10 minutos, co equipo granate partido en dous para buscar o gol, Dani Pichín foise por velocidade por banda para servir en bandexa a Coto o segundo gol. Por orgullo tentou aínda reaccionar o cadro local, ata que no enésimo erro, esta vez na saída de balón desde a defensa, Jairo lograba a sentenza. Aínda puido chegar o cuarto no desconto, pero Edu evitouno.
Duro castigo para un Pontevedra que deiza sensacións preocupantes e que cada vez se mete en máis problemas, ao fío do descenso directo. Unha derrota que acaba ademais coa boa serie en Pasarón e que evidencia que gañar fóra da casa pasa a ser unha obrigación se se quere salvar a categoría, comezando co duelo con aires dramáticos da próxima xornada en Coruxo.
PONTEVEDRA CF (0): Edu, Nacho, David Castro, Goldar, Darío Flores, Adrián León, Álex González (Marcos Álvarez, minuto 60), Álex Fernández (Kevin, minuto 60), Iván Martín, Jorge (Eder, minuto 76), Añón.
RAYO MAJADAHONDA (3): Basilio, Andújar, Vicente, Jorge García, Coto (Rubén, minuto 85), Juan Cruz, Óscar, Ayoub, Carlitos, Jeisson (Dani Pichín, minuto 63), De Frutos (Jairo, minuto 67).
Árbitros: Carlos Pérez Fernández, auxiliado nas bandas por Javier Chicote e César Domínguez (Castela-León). Amoestou a Edu Sousa, Nacho López, Adrián León, Añón e Álex Fernández no Pontevedra e a Andújar, Basilio, Vicente e Jorge García no Rayo Majadahonda.
Goles: 0-1 Andújar (min.34), 0-2 Coto (min.81), 0-3 Jairo (min.87).
Incidencias: Partido da xornada 28 de liga da Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante uns 1.500 espectadores.
Relacionadas:
-
Ante a Ponferradina, prezos populares para aumentar a asistencia a Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Empate xusto pero insuficiente para Coruxo e Pontevedra (1-1)
Por Ramiro Espiño |
-
Un duelo sen rede de seguridade entre Coruxo e Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A canteira ao poder: Lezcano e Rivera dan vantaxe ao Pontevedra sobre Atlético Saguntino (2-1)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Pontevedra organiza unha viaxe para que os seus afeccionados acompañen o equipo en Vigo
Por Redacción |
-
Quenda para a Copa Federación, pero dando prioridade á liga
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra recibe 95.000 euros derivados dos dereitos televisivos da Copa do Rei
Por Redacción |
-
O segundo mellor visitante da liga ameaza un Pontevedra que non pode fallar na casa
Por Diego Espiño |
-
O partido de liga entre Coruxo e Pontevedra adiántase ao sábado 10 de marzo
Por Diego Espiño |
-
Antiviolencia propón sancionar un afeccionado por ensinar unha bandeira independentista galega en Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Luismi confía en poder contar con todo o plantel para recibir o Rayo Majadahonda
Por Diego Espiño |
-
Un penalti inexistente afunde o Pontevedra e abre o camiño do triunfo ao Real Madrid Castilla (3-0)
Por Redacción |