A vontade non lle chega ao Teucro para dobregar a un sólido Huesca (28-31)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Pelexou a Sociedad Deportiva Teucro contra o cansazo, o alto ritmo imposto polo seu rival e ata cun protestado dobre raseiro arbitral en momentos puntuais, e a pesar de todo iso chegou ao tramo final do encontro ante o Huesca con opcións de puntuar, pero morreu na beira.
Os azuis encaixaron unha derrota (28-31) despois dun esforzo titánico por manterse no choque a pesar de ir case desde o comezo a remolque no marcador.
Comezou o partido cun gol de Edu Moledo tras un roubo defensivo e outro tanto de Balázquez (2-1) que facían pensar nun Teucro dominador na súa cancha. Serían as súas únicas vantaxes no electrónico. O Huesca logrou impoñer de inicio o seu vertixinoso ritmo de xogo e circulación e pronto deu a volta ao choque para dominar con suficiencia.
Fíxoo cun parcial de 0-5 (2-6) nun dicir amén. A renda chegaba a subir ata os cinco tantos ata que aos poucos os de Quique Domínguez empezaban a entrar en calor. Custou pero tras varias paradas de Santana e ataques frutíferos metíanse de novo no duelo (9-11) aos 20 minutos. Comezaron entón certas decisións arbitrais que quentaron o ambiente na bancada e comezaron a desperar por momentos aos xogadores na pista, non por xustas en ocasións pero si pola disparidade de criterios. Así tras perdoar os colexiados a exclusión dun defensor visitante sobre Edu Moledo, si excluían ao extremo na seguinte acción.
O público mantiña ao equipo nos peores momentos, pero finalmente os aragoneses aproveitaban o desconcerto para pegar unha nova estirada cun parcial de 0-3 antes da que a bucina marcase o paso polos vestiarios (12-17).
O segundo acto comezou con dous tantos consecutivos de Balázquez para soñar na reacción, o que apagou Henrique Selicani con tres goles consecutivos (dous desde os sete metros) para poñer a máxima (14-20) en favor dos seus.
Cada vez parecía todo máis negro, pero nin nesas renunciou o Teucro disposto a vender cara a súa pel, polo que seguiu loitando contra corrente. Cambiou Quique a portería, Lloria sumou nun par de accións e os azuis poñíanse a tres (24-27).
O Huesca empezaba a atoparse con problemas pero mantiña o tipo ante a presión local, que se elevaba con berros de "sí se puede" tras unha penetración de Dani Hernández que concluía con exclusión e tanto desde os sete metros para poñer a dous aos teucristas a falta de cinco minutos.
Protestou de novo a bancada, moi metida no duelo, os dous minutos sinalados polos colexiados a Medina que podían afastar a remontada. Non foi así porque Lloria interveu e no seguinte ataque chegou unha nova exclusión visitante e opción desde os sete metros para poñerse a un. Era a ocasión esperada polo Teucro, en clara progresión e con pouco máis de dous minutos por xogarse, pero Dani Hernández, impecable nesa sorte todo o encontro, fallou no seu oitavo lanzamento.
Nese penalti voaron polo aire as opcións de puntuar, xa que no seguinte ataque Henrique Selicani sentenciou o duelo. A pesar de todo os afeccionados agradeceron o esforzo dos seus cunha sonora ovación final. Haberá que seguir remando para certificar a permanencia na Liga Asobal.
SD TEUCRO (28): Santana, Balázquez (6), Juan Quintas, Iván Fernández (3), De Castro (1), Dani Hernández (10, 7p), Edu Moledo (2) -siete inicial- Medina (2), Borja Méndez (4), Samu Gómez, Gehrhard, Ángel Iglesias, Samuel Pereiro, Moyano, Lloria.
BM HUESCA (31): Jorge Gómez, Henrique Selicani (8, 3p), Carmona (1p), Adrià Pérez (5), Carró (3), Diógenes Cruz (1p), Alejandro Fuentes (5) -siete inicial- Abadía, Val (1), Oier García (2), Enrique Camas, Ciric (1), Marco Mira (2), Zungri (1), Bonanno (1), Arguillas.
Árbitros: Escoda Pérez e Sánchez Bordetas (Cataluña). Excluíron a Balázquez, Iván Fernández, Dani Hernández, Juan Quintas, De Castro, Medina e Edu Moledo no Teucro e a Carró (2), Carmona, Oier García e Bonanno no Huesca.
Marcador cada cinco minutos: 2-3, 3-6, 5-9, 9-11, 11-13, 12-17, descanso, 14-19, 16-21, 19-24, 22-26, 26-28, 28-31.
Incidencias: Xornada 21 da Liga Asobal disputada no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante uns 800 espectadores.
Relacionadas:
-
Un Ademar en plena xeira positiva, rival de altura para o Teucro no Municipal
Por Diego Espiño |
-
O cansazo pasa factura ao Teucro en Puente Genil (25-21)
Por Redacción |
-
Xogar fóra xa non asusta o Teucro, que busca dar un paso de xigante en Puente Genil
Por Diego Espiño |
-
O Teucro roza a proeza pero queda eliminado na prórroga ante Guadalajara (33-34)
Por Redacción |
-
O Teucro non renuncia a dar a sopresa copeira en Guadalaxara
Por Diego Espiño |
-
Sobremesa de balonmán ante o Huesca para un Teucro que busca "otro saltito" cara á permanencia
Por Diego Espiño |
-
A Copa, costa arriba para o Teucro tras caer nun polémico final ante o Guadalajara (27-29)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
O Teucro acusa as baixas e dá vida ao Puerto Sagunto (25-21)
Por Redacción |