Xogar fóra xa non asusta o Teucro, que busca dar un paso de xigante en Puente Genil
Por Diego Espiño
Hai veces que unha eliminación, aínda que dolorosa, deixa grandes sensacións, e ese foi o caso do adeus copeiro do pasado mércores en Guadalaxara para a Sociedad Deportiva Teucro. Os axules rozaron a remontada e só prórroga mediante non o conseguiron, pero si gañaron nunha das pistas máis complicadas da categoría.
A moral do equipo saíu reforzada cun resultado que unido á vitoria en liga en Granollers e ao empate conseguido tamén ante o propio Guadalaxara fai que xa non teman xogar lonxe do Municipal.
"El equipo está jugando ahora un poco menos presionado fuera de casa" recoñece Quique Domínguez antes de afrontar un novo desprazamento este sábado (18:30 horas) na pista do Ángel Ximénez de Puente Genil, equipo que marcha inmediatamente detrás na clasificación e que é un rival directo pola permanencia na máxima categoría.
A expedición teucrista viaxou directamente ata a localidade cordobesa desde Guadalaxara, coa mesma lista de convocados que no encontro do mércores e as baixas habituais nas últimas datas por lesión. Con todo a "capacidad de lucha, de esfuerzo, de sobreponerse a todas las adversidades que está demostrando este equipo" fan ao técnico estar confiado na súa resposta e en tentar conseguir dous puntos que deixarían moi preto o obxectivo de continuar un ano máis en Asobal.
O Ángel Ximénez, décimo terceiro a 3 puntos, é con todo e a pesar do que diga a clasificación "un grandísimo equipo", asegura o adestrador pontevedrés, que espera un duelo tremendamente competido.
Ademais o cansazo non será un elemento diferenciador ao competir tamén o cadro andaluz en Copa. "Puente Genil también ha tenido que jugar una eliminatoria dura y por lo tanto no va a ser excusa", declarou o pivote teucrista Juan Quintas.