O Peixe Galego ponse en 'modo play-off'
Por Redacción
A falta dunha xornada para que conclúa a competición regular no Grupo A-B da Liga EBA, o Marín Peixe Galego traballa en 'modo play-off', pensando unicamente na pelexa por retornar á LEB Prata.
Os de Javi Llorente deben aínda afrontar esta fin de semana un encontro ante o Basquet Coruña na Raña (sábado 28, 19:00 horas) co único aliciente de completar unha liga regular inmaculada, con 30 vitorias en 30 xornadas, pero o obxectivo real pasa por afinar a posta a punto e sobre todo evitar contratempos físicos.
É así porque unha semana despois, o 5 de maio, comezará a pelexa polo ascenso cunha eliminatoria a partido único para determinar o campión da Conferencia A, na que o rival será o Igualatorio Cantabria Estela ou o HA Zornotza, igualados a falta dunha xornada na súa liga.
O Peixe gañou o dereito para acoller ese encontro, e en xogo estará pasar á fase final como un dos equipos cabezas de serie e por tanto con dereito que Marín sexa sede dun dos grupos.
Esa fase final, que se disputará entre o 18 e o 20 de maio, compoñerana catro equipos por grupo cun formato de liguiña a unha volta na que o campión logrará o ascenso de categoría.