O Peixe Galego vence o Igualatorio Cantabria (73-66) e xogará o ascenso na casa
Por Redacción & Diego Torrado
O ascenso á Liga LEB Prata poñerase en xogo na Raña. Ese dereito conseguiu o Marín Peixe Galego despois de proclamarse este sábado campión da Conferencia A da Liga EBA.
O conxunto marinense venceu nun emocionante duelo o Igualatorio Cantabria (73-66), campión do grupo A-A, e organizará un dos sectores da fase final na casa do 18 ao 20 de maio.
Non o tivo fácil o equipo de Javi Llorente, e é que tivo que remontar nos últimos minutos tras chegar ao último parcial en desvantaxe.
Antes o encontro transcorrera cunha gran igualdade nos compases iniciais, non exentos de tensión nos bancos e na bancadas da Raña, que facían valer o factor cancha.
Tras chegar con empate ao descanso (35-35), os visitantes comezaron o terceiro cuarto cun parcial de 0-5 ao seu favor e chegaron a escaparse de 8 puntos (47-55). Foron os peores momentos dos de Marín, pero un triplo de Emilio Oubiña mantiña ao equipo preto a falta dos últimos 10 minutos de xogo (50-55).
O Cantabria tiña o mando pero A Raña apertaba como nunca, en especial tras unha técnica ao propio Oubiña, ata que un triplo de Jorge Romero devolvía o temón no electrónico aos de Marín (63-62) a falta de pouco máis de 4 minutos. Entrouse nunha fase de tremenda tensión e nervios nas bancadas, con mínimas rendas, ata que a falta de 48 segundos unha canastra de Pantín (72-66) e a posterior perda do Igualatorio finiquitaban o encontro.
Primeiro e importante paso do Peixe Galego para recuperar a categoría perdida o pasado verán nos despachos. O seguinte, unha fase de ascenso en formato de liguiña no que só o mellor de todos logrará o ascenso a LEB Prata. Por sorte os marinenses poderán contar co comodín da Raña.
Consulta as estatísticas do Marín Peixe Galego- Igualatorio Cantabria Estela.
Relacionadas:
-
O Peixe Galego recupera o seu lugar na Liga LEB Prata
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Traballada vitoria do Peixe Galego no primeiro partido da fase de ascenso (74-62)
Por Redacción |
-
Chega a hora da verdade para o Peixe Galego no seu camiño cara a LEB Prata
Por Redacción |
-
O Peixe Galego ponse en 'modo play-off'
Por Redacción |
-
Primeiro obxectivo cumprido para o Peixe Galego, campión da fase regular da Liga EBA
Por Redacción |