Chega a hora da verdade para o Peixe Galego no seu camiño cara a LEB Prata
Por Redacción
Toda a tempada traballando para isto. O Marín Peixe Galego, invicto ao longo de toda a competición regular e tamén no duelo polo campionato da Conferencia A de a Liga EBA, afronta desde este venres o gran reto do ano, a fase de ascenso á liga LEB Prata.
A súa traxectoria inmaculada valeulle aos marinenses o privilexio de xogala ante os seus, organizando unha fase final que converterá o pavillón da Raña nunha caldeira que axude a recuperar na pista a categoría perdida o pasado verán nos despachos.
Non será en todo caso unha tarefa sinxela, e é que os de Javi Llorente deberán finalizar primeiros nunha liguiña de catro equipos se queren lograr o obxectivo.
O primeiro dos rivais para o Peixe Galego será este venres (21:00 horas) o Isover Azuqueca (Guadalaxara), segundo clasificado da Conferencia B tras liderar boa parte do curso o grupo e que afronta a súa primeira fase final tras sete tempadas na Liga EBA.
O sábado pola súa banda (20:00 horas) o adversario dos marinenses será L'Alfàs Xa Wellness, equipo alacantino que concluíu cuarto na Conferencia E.
Por último, o domingo 20 de maio (20:00 horas) chegará o duelo decisivo ante o poida que rival máis perigoso e impredicible, pola súa calidade e mocidade, o Valencia BC, filial actual campión da Liga ACB e que finalizou a tempada regular como segundo da Conferencia E.
Completan a fase de ascenso na Raña a partidos Valencia BC - L'Alfàs Xa Wellness o venres, o Isover Azuqueca - Valencia BC o sábado e o L’ Alfàs Xa Wellness - Isover Azuqueca o domingo, todos eles ás 18:00 horas.
Relacionadas:
-
O Peixe Galego recupera o seu lugar na Liga LEB Prata
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Traballada vitoria do Peixe Galego no primeiro partido da fase de ascenso (74-62)
Por Redacción |
-
O Peixe Galego vence o Igualatorio Cantabria (73-66) e xogará o ascenso na casa
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Primeiro obxectivo cumprido para o Peixe Galego, campión da fase regular da Liga EBA
Por Redacción |