Finalizada a competición na Segunda División B, chega o tempo de tomar decisións no Pontevedra Club de Fútbol, que nos próximos días e semanas debe afrontar cuestións importantes sobre a planificación da seguinte tempada.
O club avanzou antes do choque ante o Atlético B a intención de realizar unha valoración da campaña recentemente concluída, ocasión para analizar as causas que levaron ao equipo para pelexar pola permanencia ou os posibles erros a corrixir na planificación deportiva, aínda que a presidenta granate, Lupe Murillo, pediu uns días de calma antes de "poder volver a empezar con muchas ganas".
Entre os asuntos sobre a mesa a primeira das decisións para tomar será a elección do adestrador do primeiro equipo, saber se se aposta pola renovación de Luismi ou se busca un novo inquilino para o banco de Pasarón.
Despois chegará a quenda das ofertas de renovación a futbolistas, aínda que parece que se aveciñan importantes cambios.
Neste aspecto só catro xogadores do actual equipo contan con contrato en vigor. O primeiro deles é Berrocal, que á súa chegada a Pontevedra comprometeuse por dous anos. Ademais no mercado invernal incluíronse cos fichaxes cláusulas de continuidade que cumpriron Nacho López e Darío Flores. Non foi o caso de Pibe ou Éder Díez, que quedou a un tanto de cumprir o obxectivo de goles reflectido no seu contrato, o que non significa que non continúen vestindo a elástica granate o próximo curso, pero será en todo caso vía nova negociación.
"Personalmente siempre lo dije, estoy a gusto aquí y ojalá pueda estar no sólo un año sino muchos más", sinalou Álex, mentres que Adrián Mouriño mantense no seu plantexamento previo á permanencia, no que "dije siempre que me querría quedar aquí fuese donde fuese y sigo con esa idea". Mentres tanto o capitán do equipo, Edu, recoñeceu que "aquí estoy muy bien, muy contento, me siento muy querido y apoyado, no veo en ese sentido razones para no continuar".
Será en todo caso a dirección técnica a que debe decidir a que xogadores se lles ofrecerá a continuidade no equipo, algo que debería suceder antes de que se marchen oficialmente de vacacións.