Ademar imponse ao Cisne no sector masculino infantil e evita o pleno pontevedrés
Por Ramiro Espiño
Nun ano histórico para o balonmán de base galego, o Cisne non puido conseguir o pleno pontevedrés ao caer o seu equipo infantil ante Ademar, no último partido do sector disputado no CGTD, despois da xesta lograda un día antes polo equipo Infantil feminino do Teucro, que se suma a Cadetes e Xuvenís do propio Cisne, metendo a cabeza entre os oito mellores equipos de España.
Aos pontevedreses bastáballes o empate, tras as súas vitorias das dúas primeiras xornadas, mentres Ademar necesitaba pouco menos que un milagre en forma de goleada escandalosa, para proclamarse campión. Uns e outros quedaron coas ganas, para alegría de Maristas Oviedo, que se atopou case de rebote co triunfo no sector e o seu billete para a final nacional, ao resultar beneficiado nun triplo empate a catro puntos entre os tres equipos, polo seu mellor coeficiente de goles.
Os pontevedreses pagaron moi caro os nervios cos que saíron á pista e atragantóuselles a inusual defensa 3-3, aberta ata metade de pista, con que os leoneses afrontaron o partido. Ademais, a superioridade física dos visitantes e a súa agresividade defensiva, que lles custou a descualificación de dous dos seus xogadores, xunto coa sensacional actuación do seu porteiro, foron unha barreira insalvable para o equipo branco, que encaixou de saída un rápido parcial de 0-4 que lles levou a cometer moitos erros en pases e lanzamentos.
Aínda que houbo reacción a ese marcador adverso inicial, ata chegar a mandar pola mínima (6-5), aos 13 minutos, sería un espellismo. Os leoneses axustaron novamente a súa agresiva e atrevida defensa para irse ao descanso mandando (9-13).
A segunda parte non tivo apenas historia. O Cisne viuse neutralizado e sen ideas en ataque, incapaz de achegarse no marcador, para terminar vendo como o seu rival aproveitaba os erros para incrementar a conta e conseguir un marcador xusto, pero excesivamente duro (17-29) para o bo xogo despregado polos pontevedreses durante esta fase de sector infantil masculino.
Consulta as estatísticas do partido na web da Real Federación Española de Balonmán.
EMPATE DO TEUCRO NO SEU PARTIDO CON AULA VALLADOLID
Cos deberes feitos e a clasificación no peto, o Teucro feminino despedía o sector cun empate (18-18), nun partido no que dominou con curtas vantaxes na primeira parte, pero que se lle complicou na segunda, encaixando o gol do empate no último segundo de xogo.
As pontevedresas chegaron ao descanso por diante (7-6) despois de deixar escapar unha máxima renda de tres goles, pero Valladolid chegou a remontar na continuación conseguindo igualmente unha máxima vantaxe de tres tantos (10-13), a quince minutos do final.
Reaccionou o Teucro, que de novo púxose arriba (18-17) cun gol de Carmela Fontoira a falta de algo menos dun minuto, pero a mesma Carmela resultaría excluída, aproveitando Valladolid a superioridade para empatar sobre a bucina.
Consulta as estatísticas do partido na web da Real Federación Española de Balonmán.
Relacionadas:
-
Os técnicos da Federación Española poñen os seus ollos no equipo cadete do Cisne
Por Redacción |
-
O Teucro Infantil feminino clasifícase para a Fase final do Sector Estatal
Por Redacción |
-
Ilusión por bandeira para o Teucro ante a fase zonal feminina do Campionato de España Infantil
Por Diego Espiño & Paula Sanmartín |
-
O Cisne cadete segue os pasos do equipo xuvenil e cóase entre os 8 mellores de España
Por Redacción |
-
O Cisne xuvenil, homenaxeado pola Federación Galega de Balonmán
Por Redacción |