A Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra vence no Descenso do Miño
Por Redacción
Máis de 500 deportistas, representantes de 38 equipos, participaron esta fin de semana no Descenso do Miño, en Ourense, unha proba de 17 quilómetros entre Os Peares e a presa de Velle en Oira.
O triunfo, tras a suma de todas as probas sénior, xuvenil, cadete e veterano tanto masculina como feminina, foi para Escola Piragüismo Cidade de Pontevedra. Sumou 2.469 puntos, superando ao Club Naval de Pontevedra con 1.782 e ao Mar Ría de Aldán con 1.780 puntos.
Nas probas sénior, destacou o triunfo en K1 home sénior de Antonio Palmás do Club Piragüismo Vilaboa. Acompañáronlle no podio Alberto Piqueiras do Piragüismo Viveiro e Breogán Monteagudo do Naval de Pontevedra.
Damián González do Piragüismo Verducido levou a medalla de ouro en C1 home sénior, quedando segundo Adrián Lameiro do Breogán do Grove e terceiro Rubén Dasilva do Kayak Tudense.
Tania Fernández do Kayak Tudense foi primeira en K1 muller sénior, segunda chegou Laura Pérez do Ría de Betanzos e Noelia Moledo do Ría de Aldán foi terceira. En muller canoa, Raquel Dacosta do Club As Torres levou a vitoria por diante de Jennifer Casal da E.P. Ciudad de Pontevedra e Nerea Gondar do Piragüismo Poio.
En canto á clasificacións por parellas a dupla formada por Brais Sánchez e Breixo Buján (Vilaboa) levou o triunfo no K2 senior, por diante da parella do Club Fluvial O Barco Jesús Rodríguez e Bernardo Sánchez e de Antonio Rey e Santiago Cruz do Club Náutico Firrete.
Na proba feminina, pola súa banda, as primeiras clasificadas foron Rebeca Laurijssen e Ángela Baulde do Club As Torres de Catoira, seguidas polas irmás Carmela e Araceli Menduíña do Ría de Aldán e por Fátima Ordóñez e Antía Santiago do Club As Torres.
Os resultados completos pódense consultar na web da Federación Galega de Piragüismo.