Vitoria do Naval de Pontevedra no campionato galego de piragüismo en pista
Por Redacción
O Club Naval de Pontevedra foi o gran dominador do campionato galego de pista celebrado esta fin de semana no complexo deportivo David Cal, situado no Pontillón do Castro.
O conxunto pontevedrés impúxose en tres das catro categorías, disputadas sobre as distancias de 1.000, 500 e 200 metros.
Así, levou o triunfo na clasificación xeral senior masculina con 384 puntos por diante do Club Kayak Tudense que sumou 377 puntos. O terceiro posto foi para o Club Piragüismo Vilaboa con 335 puntos.
Ademais, terminou en primeira posición na xeral masculina da categoría xuvenil, secundado no podio pola Náutico Ría de Betanzos e o E.P. Ciudad de Pontevedra; mentres que en mulleres fíxoo por diante do Breogán do Grove e o Kayak Tudense.
Tan só se lle escapou o triunfo na clasificación senior feminina, que se adxudicou o Club de Mar Ría de Aldán con 464 puntos, por diante do Club As Torres con 427 puntos e do Club Piragüismo Rías Baixas.
Entre os grandes protagonistas do campionato figuran Carlos Arévalo, que levou a medalla de ouro na final do K1 200; Óscar Carrera, que gañou na distancia de K1 1.000; Pablo Rodríguez, que gañou dous ouros en C1 1.000 e C1 200; ou Carla Frieiro, que sumou outros dous ouros en K1 500 e K1 200.