Gran papel do Super Froiz no Memorial Jon Lazkano de ciclismo
Por Redacción
Unha fuga absorbida polo pelotón a falta de catro quilómetros para a liña de meta a punto estivo de darlle a vitoria ao Super Froiz na novena edición do Memorial Jon Lazkano de ciclismo, disputado en Beasain (Guipúscoa).
A escapada protagonizárona Martín Lestido e Óscar Brea, ambos os dous corredores da escuadra pontevedresa, que fuxiron en solitario no quilómetro 35, tras o descenso do primeiro porto de Eizaga.
O pelotón non lles deu caza ata o tramo final da carreira. Primeiro foi atrapado Martín Lestido, a quince quilómetros da meta, tras o gran esforzo realizado para pasar primeiro en cinco dos oito portos puntuables, o que lle levou ser o gañador da clasificación da montaña.
Óscar Brea, pola súa banda, foi segundo no premio aos escaladores e foi pillado polo pelotón a catro quilómetros do final, tras o traballo realizado polo Caja Rural para neutralizar a fuga.
A vitoria final foi para Sebastián Moura (GSport- Wolfbike), mentres que Brea e Sergio Vega, noveno e décimo respectivamente, foron os mellores clasificados polo Super Froiz.
Martín Lestido foi, ademais, o líder da xeral das metas voantes e o equipo pontevedrés foi a segunda mellor escuadra, só superado polo Caja Rural.
Relacionadas:
-
O Froiz afronta unha esixente Volta a León
Por Redacción |
-
Dobre podio para o Froiz no Campionato Galego Contrarreloxo por equipos
Por Redacción |
-
Iván Martínez, ciclista do Super Froiz, faise co triunfo na Volta a Ávila
Por Redacción |
-
O Froiz viaxa a terras vascas para disputar o Memorial Jon Lazkano
Por Redacción |