Máis de 50 xogadores participan no II torneo de xadrez do Concello de Meis
Por Redacción
Durante este venres, o Campo da Feira de Meis acolleu o II Torneo de Xadrez Concello de Meis coa participación de máis de cincuenta afeccionados a esta modalidade deportiva. O espazo encheuse de taboleiros de xadrez nunha xornada celebrada en honra ás festas de San Bieito e da Festa dos Callos do municipio.
Os participantes completaron as seis partidas que se disputaron durante a mañá. Neste torneo atopábanse representados 13 clubs de xadrez, nove deles da provincia de Pontevedra. Tamén participou un equipo de Madrid.
O campión, que revalidou o seu título, foi Rubén Fernández, a gran promesa da Escola Xadrez Pontevedra - Universidade de Vigo. Logrou un pleno de vitorias. A medalla de prata foi para Antonio Susavila mentres que a de bronce levoulla Alejandro Victorero.
O premio especial para o primeiro clasificado do municipio de Meis terminou en mans de Emilio Martínez. O alcalde de Meis, José Luis Pérez, asistiu á entrega de trofeos e recalcou as virtudes deste deporte de estratexia.