Coa posesión como arma para dobregar o Valladolid B
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol buscará este domingo (19:00 horas) a súa segunda vitoria da tempada no Estadio Municipal de Pasarón na visita do filial do Real Valladolid.
Os granates queren facerse fortes na casa e para iso deberán superar a un equipo valisoletano co que están empatados con 4 puntos na táboa pero que polo momento asina unha derrota na súa única saída, contra o Coruxo.
Será un encontro no que a posesión xogará un papel importante para contrarrestar a "un equipo de mucha calidad de medio campo para arriba", afirmou Luismi.
Preocupa un pouco o estado do terreo de xogo de Pasarón, con "zonas donde está peor y tenemos que tener cuidado", pero o técnico confía nos recentes tratamentos no céspede para que mostre un bo estado.
A principal dúbida da semana, que se centraba no estado físico de Adrián León, quedou despexada xa este venres de maneira positiva, co futbolista totalmente reintegrado no grupo superados os seus problemas musculares e apuntando mesmo ao once inicial no eixo da defensa. Desta forma só Nacho Lorenzo causará baixa por lesión.
O colexiado do encontro será Jaime Ruiz Álvarez, do comité territorial asturiano.