Obradoiro e Breogán cumpren os prognósticos en Marín
Por Redacción
Non houbo lugar ás sorpresas. O Pavillón da Raña, en Marín, gozou este domingo do mellor baloncesto galego coas semifinais da Copa Galicia, na que os equipos de superior categoría cumpriron os prognósticos.
Os dous equipos galegos que militan na Liga ACB, Breogán de Lugo e Obradoiro, citáronse para a final da competición autonómica.
Os primeiros en entrar en acción á Raña foron Basquet Coruña e Breogán, nun duelo no que os de Lugo non deron opción e dominaron desde o primeiro cuarto para terminar vencendo por 64 a 84.
Máis igualado comezou a continuación o choque entre COB Ourense e Obradoiro, cun primeiro parcial de 13-14 para os santiagueses. Foi con todo un espellismo xa que os de Moncho Fernández venceron por un contundente 49 a 84.
A gran final da Copa Galicia disputarase tamén en Marín, aínda que haberá que esperar ata o día 31 de outubro.