VIDEO.- O rei emérito gaña co "Bribon Movistar" o seu terceiro título en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A cuarta edición da Regata Rey Juan Carlos I El Corte Inglés Máster puxo este domingo o broche de ouro á súa cuarta edición cunha concorrida entrega de trofeos na que os protagonistas foron os vencedores non só da regata senón tamén do Trofeo Presidente.
Todas as clases, fóra de Abanca Optimist, completaron este domingo polo menos unha manga cun pouco de todo: néboa, sol, onda e un vento que foi desde os seis lixeiros nós do nonoroeste no interior da ría de Pontevedra aos 15 do noroeste que chegaron a medirse saíndo cara mar aberto. Un pouco de todo para despedir a cuarta edición dunha regata máis que consolidada no calendario nacional.
Un día máis os Movistar 6 Metros e MAPFRE J80 compartiron campo de regatas, coa novidade de que este domingo o comité decidía dar a saída na zona de Cabicastro -entre a praia de Canelas e a punta de Corutos- xa que dentro da ría a intensidade de vento era menor.
O rei Juan Carlos, patrón do 6M "Bribon Movistar", confirmou o liderado do sábado e tras gañar a regata deste domingo anotouse unha nova vitoria na regata que desde 2015 leva o seu nome. Tres títulos (2018, 2016 e 2015) e un bronce (2017) é o palmarés do monarca emérito en Sanxenxo desde que navega nuns 6 metros clásico. Completaron o podio o "Erica" e o "Mena" de Erik Jespersen, segundo e terceiro.
"Seljm" do portugués Patrick Monteiro venceu na división Open con plenos de vitorias: catro de catro mangas.
O "Okofen" de Javier Gándara, pola súa banda, gañou con total autoridade en MAPFRE J80. O barco do MRCYB volveu a sumar unha vitoria parcial ás tres deste sábado para proclamarse, por segundo ano consecutivo, campión da Regata Rey Juan Carlos I. O "Impresion3D Atlántico" de Guillermo Branco, e o " Miuda" de Gonzalo Martínez completan o podio desta clase monotipo.
"Aceites Abril", dos ourensáns Pérez-Canle, liderou a xeral de Quirónprevención ORC 0-1 desde a primeira proba e este domingo tampouco fallou. Un segundo e unha vitoria parcial confirmárono como o vencedor da clase con tan só un punto de vantaxe sobre o campión de 2017, o "Mirfak" de Diego López. O "Arroutado" de José Manuel Pérez completou o cadro de honra.
Sen cambios no liderado de Quirónprevención ORC 2-3 tras disputar este domingo dúas mangas cun vento do noroeste que foi dos nove ata os 12 nós. A tripulación do "Inosa" de Fran Edreira cumpriu o seu obxectivo de mellorar o bronce do ano pasado e fíxoo con fartura: proclamándose campión.
O segundo e terceiro clasificados decidíronse este mesmo domingo con intercambio de posicións. O "Bosh Service Solutions" levou a prata grazas a un terceiro e un primeiro nas dúas mangas deste domingo en detrimento do "Grupo Santorum & Martínez", que non puido amarrar o segundo ao asinar dous cuartos.
35 barcos disputaron este domingo a súa segunda proba costeira, con 16 millas de percorrido para ORC 4 e Especial, e preto de nove para os Clásicos.
En Rías Baixas Clásicos gañou "Pingüino Uno" e "Travesio" en Quirónprevención ORC 4. Os Volvo ORC Especial seguen pendentes de coñecer a clasificación.
A clase Abanca Optimist non puido realizar ningunha proba este domingo polo que as clasificacións xerais foron as mesmas que este sábado, destacando o papel dos regatistas do Real Club Náutico de Sanxenxo con tres ouros dos catro posibles.
Na flota ouro e tras un total de catros probas os gañadores foron Bruno Ameneiro en categoría masculina e Mencía Casas- Arruti en feminina, ambos os do Real Club Náutico de Sanxenxo. Na flota prata a súa compañeira de equipo Eva Vázquez foi a mellor muller mentres que Fernando González do Castelo, do RCN de Coruña, foi o vencedor masculino con tres regatas disputadas.
A tripulación da Asociación Misela, patroneada Jesús Diz, proclamouse vencedores do Trofeo Movistar de Vela Adaptada.
A entrega do Trofeo Presidente clausurou a cerimonia de premios desta tarde e foi presidida por don Juan Carlos. Por décimo oitavo ano consecutivo a proba do Real Club Náutico de Sanxenxo foi a encargada de pechar o circuíto galego de alto nivel.
Cuarto botafumeiro de prata para o "Mirfak" da Comisión Naval de Regatas que, con Diego López aos mandos, conquistou o trofeo en ORC 0-1. En ORC 2-3 engadiuse un novo nome ao palmarés do Trofeo Presidente co "Bosch Service Solutions" do CM de Canido, barco patroneado polo vigués Ramón Ojea.
Como novidade este ano tamén optaron ao Trofeo Presidente da Xunta os J80, puntuando para este un total de tres probas: o Campionato Galego da clase organizado polo RCN de Coruña, o Trofeo Príncipe de Asturias de Baiona e a regata Rey Juan Carlos I El Corte Inglés Máster de Sanxenxo. O gañador foi "Impresion3 DAtlantico".
Relacionadas:
-
Os Reis eméritos, por primeira vez xuntos en Sanxenxo
Por Redacción |
-
O rei emérito volve pasear por Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo será sede do Europeo 2020 e do Mundial 2021 da Clase 6M de vela
Por Redacción |
-
Agora si, Juan Carlos xa é primeiro
Por Oskar Viéitez |
-
O rei Juan Carlos, segundo navegando en aguas de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |