Amanecer e Marcón reparten puntos e o Cambados dispárase tras vencer o Beluso
Por Redacción
Un punto máis na clasificación, e un punto menos para asegurar a permanencia. Amanecer e Marcón Atlético asinaron este domingo un empate no campo de Lampáns.
A pesar da intensidade do encontro o marcador non se movería durante os 90 minutos de xogo.
Con este resultado o Marcón colócase con 8 puntos na sétima posición mentres que o cadro meco é décimo con 7 puntos.
Consulta a acta do Amanecer-Marcón Atlético.
O que se dispara na táboa é o Juventud Cambados, que tras o seu regreso á categoría está a asinar un bo arranque de liga.
Os amarelos golearon na casa o Beluso (3-0) nun encontro que se lles puxo de fronte moi pronto co gol de Rubén aos 4 minutos. Machu ampliou a diferenza aínda no primeiro tempo, e repetiu tras o descanso para terminar coas poucas esperanzas de remontada que quedaban aos de Bueu.
Desta forma o Cambados ascende á terceira praza con 10 puntos, a só un do liderado, mentres que o Beluso queda no posto 14 con 6 puntos.
Consulta a acta do Juventud Cambados-Beluso.
Segue sen perder o Xuventú Sanxenxo en liga, tras sumar o seu terceiro empate nun encontro a domicilio ante o Velle que se lles complicou (1-1).
Despois dunha primeira parte de igualdade no marcador, o cadro local adiantouse aos 65 minutos de xogo, pero os amarelos non desesperaron e atoparon recompensa a 5 minutos do final co tanto do empate, obra de Eloy no 85.
Con este empate o Sanxenxo queda en cuarta posición con 9 puntos.
Consulta a acta do Velle-Xuventú Sanxenxo.
Chegaba en boa dinámica o Villalonga despois de tres xornadas sen perder, pero non puido manter a súa boa inercia e cedeu na súa visita ao Alertanavia (2-1).
O encontro púxose pronto costa arriba co primeiro tanto local no minuto 4, por medio de Gabriel, e o xogador do Alertanavia repetiu antes do descanso para ampliar a vantaxe. Con todo os celesters metéronse de novo no choque no primeiro minuto do segundo tempo ao recortar distancias Raúl.
Tentouno ata o final o Villalonga pero non atopou premio, polo que queda na oitava posición con 7 puntos.
Consulta a acta do Alertanavia-Villalonga.
Segue sen gañar e nin sequera ver porta do Unión Grove, a pesar de que mellorou notablemente a súa imaxe no campo dun dos cocos da categoría, o Barbadás (1-0).
O gol de Marcos no minuto 19 de xogo resultou decisivo ante a falta de acerto ofensivo do cadro meco, que xa non conseguiu neutralizar a renda.
O Grove mantense como pechacancelas da competición con 1 punto conseguido nas cinco xornadas de liga disputadas no Grupo Sur de Preferente.