A primeira vitoria do Teucro chega ao grande, tombando o Ademar (26-24)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Éxtase no Pavillón Municipal dos Deportes grazas a unha Sociedad Deportiva Teucro que lle deu a primeira alegría do curso aos seus afeccionados, e vaia alegría, ao tombar a todo un equipo 'Champions' como o Ademar (26-24). É certo que os de León chegaban á cita sen apenas descanso tras unha longa viaxe a Noruega o fin de semana, e que se presentaban en Pontevedra sen algunhas das súas estrelas como Juanjo Fernández, Juanín García e David Fernández, pero iso non resta nada de mérito ao logrado polos azuis, que fixeron gala sobre todo na segunda metade dunha sobresliente intensidade defensiva e que llevaron ao límite o seu rival.
O encontro iniciouse con moito ritmo e un Teucro fluído en ataque. Santana atallou os dous primeiros lanzamentos que lle chegaron e Juan Quintas acertou en ataque para un esperanzador 2-0 de saída. Foi mellorando cos minutos en Ademar, esixindo ao 6-0 teucrista, aínda que os azuis mantiñan o pulso en ataque apoiados principalmente na súa primeira liña e máis particularmente en Davor Cutura e Rial.
Tardou 13 minutos o conxunto leonés en poñerse por primeira vez por diante no marcador (8-9). Parecía que entrara en calor o equipo adestrado por Rafa Guijosa, que marchou ata un 11-14 que obrigou a Luís Montes a pedir tempo morto para cortar o seu mal momento (minuto 23). Funcionou. Os azuis melloraron en defensa e con goles de Natan, Cutura e Garrido, tras unha exclusión de Gonzalo Carou nos visitantes, igualaron o partido (14-14). Con todo unha exclusión de Samuel Pereiro permitiu ao Ademar volver tomar vantaxe para chegar ao descanso cun +2 ao seu favor (14-16).
Demostrara o Teucro que podía plantar cara ao actual subcampión de liga, e creu niso á volta de vestiarios. Rapidamente empatou o marcador, e aínda que os visitantes reaccionaron un novo parcial de 3-0 poñía en vantaxe aos azuis (19-18). Non lle gustaba o cariz que estaba tomando o choque a Guijosa, que tentou axustar a defensa dos seus.
Foi o momento no que os de Luís Montes estiveron case 10 minutos sen anotar (desde o 21-20), pero foi tamén cando mostraron a súa mellor versión no 6-0 defensivo para agarrarse con uñas e dentes ao partido. A defensa cortocicuitou o ataque leonés, e permitiu a Santana converterse nun dos heroes locais, non en balde rozou o 50% de efectividade no segundo tempo, incluídas dúas intervencións consecutivas en inferioridade para soster ao equipo.
Saíu da fochanca ofensiva o Teucro con dous goles consecutivos de Cutura e outro de Natan noutro parcial de 3-0 que levantou ao pavillón ao berro de "si se pode". Faltaban pouco máis de 5 minutos e a vitoria víase cada vez máis preto. Non era así porque a un equipo como Ademar hai que rematalo máis dunha vez, e chegou a empatar a 24. Tivo entón amorne o cadro pontevedrés, mantendo a súa aguerrida proposta atrás e non desesperando con algún fallo ofensivo. Foi así ata que unha penetración de Natan acabou en 7 metros e exclusión de Vieyra con 1 minuto e 10 segundos por xogar.
Davor Cutura, que non fallara nos penaltis, tampouco errou e puxo o 25-24. Ademar tiña a posesión para tentar empatar, pero como o Teucro non remara ata alí para ver como voaban os puntos con outra defensa notable forzou o pasivo e logrou marcar por medio de Juan Quintas sobre a bucina no que supuxo todo un estalido de xúbilo en equipo e afección. Non era para menos, acababa de demostrar que pode gañar a calquera rival da categoría (a excepción quizais do imbatible Barcelona) e que vai loitar con todo o que ten para lograr a permanencia na Liga Asobal.
SD TEUCRO (26): Santana, Juan Quintas (4), Rial (2), Cutura (10, 4p), Gehrhardt, Cangiani (2), Dani Hernández (2) -sete inicial- Moyano, Natan Suárez (3), Iván Fernández (2), Samu Gómez, Fischer, Samuel Pereiro, Remeseiro, Alberto Garrido (1), Lloria.
ADEMAR LEÓN (24): Biosca, Simonet (3), Vieyra (2), Jaime Fernández (2), Mosic (1), Pesic (2), Mario López (5, 1p) -sete inicial- Gonzalo Carou (1), Rodrigo Pérez Arce, Acacio Marqués (3), Gonzalo Pérez Arce, Carrillo (5, 2p), Álvaro Rozas, Adrián Casqueiro, Slavic.
Árbitros: Macías de Paz e Ruiz Vergara (Andalucía). Excluíron a Samuel Pereiro e Fischer no Teucro e a Gonzalo Carou e Vieyra no Ademar.
Marcador cada cinco minutos: 3-2, 7-6, 8-9, 11-13, 13-14, 14-16, descanso, 17-18, 19-20, 21-21, 21-21, 24-22, 26-24.
Incidencias: Partido adiantado da quinta xornada da Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes ante preto de 700 espectadores.
Relacionadas:
-
O Teucro cae en Granollers lastrado unha vez máis por unha mala posta en escena (30-20)
Por Redacción |
-
O Teucro, a repetir xesta en "una de las pistas más complicadas de la categoría"
Por Diego Espiño |
-
O Teucro sae á rúa co obxectivo de que Pontevedra volva ser azul
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Primeira xornada de 'champions' para o Teucro coa visita do Ademar ao Municipal
Por Diego Espiño |
-
O Teucro viaxará a Nava de la Asunción na segunda rolda da Copa do Rei
Por Redacción |
-
Merece máis o Teucro pero acaba cedendo na pista do Anaitasuna (30-29)
Por Redacción |