Máis de 500 persoas visitan Santo Tomé de Piñeiro para participar na Pinga Pinga
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado
Unha vez máis, queda demostrado que o mal tempo non é escusa para non facer exercicio. O campo de fútbol de Santo Tomé de Piñeiro encheu de deportistas listos para participar na novena edición da carreira Pinga Pinga, unha cita xa consolidada no calendario deportivo do concello de Marín e que este ano homenaxeou á ex-xogadora de balonmán Begoña Fernández.
Nesta ocasión, máis de 500 inscritos pasaron unha xornada, con ambiente deportivo á vez que festivo, nas diferentes probas que comezaron ao redor das 16:00 horas deste sábado. A novidade desta edición foi a posibilidade de correr por relevos, modalidade na que participaron dez persoas. Seguindo o formato do pasado ano, o percorrido da proba foi de 7,2 quilómetros (3 voltas), sendo o mencionado campo de fútbol o punto de saída e a liña de meta.
Os primeiros en tomar parte na proba foron os pequenos, os nenos e nenas de categoría benjamín (menores de 10 anos), a partir das 16:00 horas. Os 55 participantes nesta proba competiron nun circuíto de 500 metros aproximadamente.
A continuación, foi a quenda dos 47 alevíns (menores de 12 anos), que seguiron aos anteriores a partir das 16:15 horas nun percorrido algo máis longo, de 750 metros. Os seguintes foron os infantís e cadetes, 28 mozos entre 13 e 16 anos, que correron 2 quilómetros no lugar da competición. Os máis pequenos da proba, os 177 pitufos e chupetes (menores de 7 anos) tamén tiveron o seu momento na xornada e puideron, a partir das 16:45 horas, percorrer os 100 metros de carreira preparados para eles.
Ao redor das 17:00 horas soou o pistoletazo de saída da proba absoluta, na que 135 deportistas correron de principio a fin os máis de 7 quilómetros. Ademais, de forma case simultánea á carreira popular, comezou a xa tradicional andaina de 5 quilómetros e medio de percorrido na que participaron 85 persoas.
Todos os participantes recibiron agasallo pola súa inscrición e os primeiros de categoría absoluta, premios en metálico. Ademais, as demais categorías tamén foron galardonadas con trofeos polos primeiros postos.
Sen dúbida, un ano máis, a carreira Pinga Pinga deixou constancia de que calquera pode participar neste tipo de eventos deportivos.