Triunfo xusto ante o Alcobendas dun Teucro que se reengancha á pelexa (38-29)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Balón de osíxeno para a Sociedad Deportiva Teucro, que conseguiu unha pelexada, merecida e balsámica vitoria no Pavillón Municipal dos Deportes ante un rival directo pola permanencia, o Balonmano Alcobendas (38-29), e retoma impulso na táboa abandonando o último lugar, agora para o Cangas, situándose con 5 puntos.
Sabían os azuis todo o que había en xogo, e conscientes diso saltaron á pista cunha intensidade que outros días faltaba nos primeiros minutos. Axudou tamén un público envorcado desde o bucinazo inicial. Así, os de Luís Montes, a pesar da igualdade nos primeiros minutos, ían mandando lixeiramente no marcador, nunca por máis dun gol.
Foi un inicio de ritmo alto e acerto ofensivo, especialmente dun Cutura que volvía liderar o ataque (7 goles ao descanso), mentres en defensa o Teucro repoñíase á ausencia dunha das súas bases, Juan Quintas, no banco por problemas físicos. Puido ser unha dor de cabeza maior por Rial, que aos 14 minutos acumulaba xa dúas xustas exclusións.
Era o momento no que os locais empezaban a abrir oco (10-7), e a pesar das inferioridades aguantaron o tipo. Moyano e Natan tomaban a remuda de Cutura en ataque para levar aos seus á máxima diferenza, aos 26 minutos de xogo (17-13).
Precisamente o listón arbitral foi unha das queixas da parroquia local no primeiro acto, que se queixou de dobre nivel especiamente nos últimos segundos do primeiro acto tras unha clara exclusión de Domingo Luís e outra máis que polémica de Samu Gómez, co tempo cumprido por un suposto golpe na cara que non pareceu tal.
A pesar de que o Teucro chegaba ao descanso cunha renda de tres tantos (18-15), debía iniciar o segundo tempo cunha dobre inferioridade e durante minuto e medio. Semellaba unha boa oportunidade para que o Alcobendas recobrase o paso, pero unha acción individual de Cangiani solucionouno. Sacou petróleo forzando uns 7 metros e unha exclusión que daba aire aos azuis. Iso e dous goles de Cutura poñían o 20-15 no luminoso e daba ás ao equipo adestrado por Luís Montes.
O conxunto madrileño acusou o golpe e a renda foi crecendo ante a falta de tregua dos pontevedreses. Aos poucos a diferenza aumentábase ata un 30-21 que deixaba case sentenciado o partido. Cun impulso a base de coraxe o Alcobendas chegou a poñerse 31-26 obrigando ao técnico local a parar o cronómetro e pedir tempo morto. Non foi a máis. Era o día do Teucro, do seu mellor choque da tempada e os dous puntos non escaparían do Municipal cuns últimos minutos sen abafos que fixeron gozar ao público. Ao final, ovación pechaba e unha crenza firme de que se pode loitar pola permanencia na máxima categoría do balonmán nacional.
SD TEUCRO (38): Santana, Natan Suárez (5), Rial, Iván Fernández (2), Cutura (14, 3p), Fischer, Cangiani (4) -siete inicial- Moyano (6), Juan Quintas, Samu Gómez (3), Dani Hernández (4), Samuel Pereiro, Cristian, Domingo Luis, Sergio Pérez, Lloria.
BALONMANO ALCOBENDAS (29): Patotsky, Falcón (5), De la Rubia (6, 4p), Boyarizo (3), Crespo (1), Gimeno, Asier Nieto (6) -siete inicial- Santi López (2) Pelidija (1), Mikel Martín (1), Velasco (3), Ortega, Gutiérrez, Thorsson (1), Torres.
Árbitros: Iniesta Castillo e Muro San José. Excluíron a Rial (2), Samu Gómez, Fischer, Dani Hernández e Domingo Luis no Teucro e a Crespo, De la Rubia (2), Nieto e a Mikel Martín no Alcobendas.
Marcador cada cinco minutos: 3-2, 6-5, 10-8, 12-10, 15-12, 18-15, descanso, 22-16, 25-20, 28-21, 30-23, 38-29.
Incidencias: Partido da décima xornada da Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante ao redor de 1.400 espectadores.
Relacionadas:
-
Os problemas físicos, unha dor de cabeza para o Teucro ante a fase máis cargada do calendario
Por Diego Espiño |
-
O Teucro dá a sorpresa e consegue dous puntos vitais en Cuenca (31-32)
Por Redacción |
-
Cuenca, termómetro da reacción teucrista
Por Redacción |
-
O gol no Teucro ten acento serbio
Por Diego Espiño |
-
Partido "especialmente importante" para o Teucro, ao que só lle vale gañar ante o Alcobendas
Por Diego Espiño |
-
O Teucro outorga categoría de 'final' ao duelo ante o Alcobendas e lanza unha promoción para os seus socios
Por Redacción |
-
Durísimo correctivo do Huesca a un Teucro sen argumentos (37-22)
Por Redacción |