Derrota mínima do Poio Pescamar (3-4) que buscará a remontada en Rubí
Por Ramiro Espiño
Derrota si, pero non rendición. O Poio Pescamar perdeu o primeiro asalto na súa eliminatoria polo ascenso pero deixou patente na pista que non é en absoluto inferior ao seu rival, o Club Sportiu Rubí, e xogarase o ascenso á máxima categoría dentro dunha semana en terras catalás.
Malditos nervios. Eles foron os culpables de que xogadoras claves no conxunto "rojillo" rendesen por debaixo das súas posibilidades. Exceso de responsabilidade, presión. O certo é que as rapazas de Marcio Santos deixaron escapar unha oportunidade de ouro para deixar o soñado ascenso case encarrilado. Porque o que ninguén podía esperarse é que en menos de catro minutos dende o asubío inicial, o marcador reflectise un prometedor 2-0 favorable ao equipo local.
A bancada, absolutamente repleta de afeccionados entregados co seu equipo ata o final, non llelo cría. Pero é que a saída do Poio superou o mellor dos sonos. En só 15 segundos Ceci estrelara o balón no poste. Cando aínda non se chegaran aos 30 segundos, Charo queda sóla ante a porteira catalá, pero estrela o seu remate no corpo.
O Rubí non sabía de onde lle viñan tantos golpes, nin como os parar. Charo facía o primeiro gol apenas superado o minuto 3 de partido, e nese mesmo minuto Ceci, nunha acción chea de calidade, facía subir o segundo ao marcador.
Pero o deporte é así de curioso. Absurdo ás veces. O comezo soñado, lonxe de afastar os nervios, agarrotou as pernas. Estábase tan preto e á vez tan lonxe, que apareceu o medo a perder o conseguido. O Poio deu un pequeno paso atrás e Mery reducía diferenzas aos 6 minutos.
Este gol das catalás causou efecto nas rapazas de Marcio Santos, e máis cando a mesma Mery remataba ao poste pouco despois. Aínda así, Kiko puido levar de novo a tranquilidade, ao fío do minuto 10, pero o seu disparo, franco, marchou arriba con toda a portaría á súa disposición.
Logo chegou o empate nunha xogada evitable e sen aparente perigo. Mery eleva un balón dende o centro do campo que pilla adiantada a Nerea e cóase.
O descanso non arranxou as cousas. As catalás botáronse atrás e deixaron o balón ao Poio para tratar de sacar partido nos roubos e saídas á contra. E conseguírono. Primeiro marcou Ana, tras un contragolpe levado por Nona, e logo a mesma Nona en xogada individual.
Quedaban 10 minutos por diante. Ceci botouse o equipo ás costas e facía o terceiro do Poio cun remate á media volta. Case de inmediato Claudia desperdiciou a oportunidade de empatar e Peke viu como o longueiro evitaba que o seu remate fose dentro.
Ceci tivo nas súas botas o empate cun dobre penalti e un disparo ao longueiro nos últimos segundos
A falta de 7 minutos o Rubí comete a súa quinta falta de equipo, o que permite a Ceci dispoñer dun dobre penalti que non logra transformar, ao mandar o balón ao corpo da porteira visitante. E a mesma Ceci, a falta de só 30 segundos, está a punto de lograr un empate máis que merecido, pero o seu impresionante remate volve encontrarse co longueiro da meta catalá.
Derrota mínima, pero sensacións claras de que o Poio Pescamar ten potencial e calidade abondo para darlle a volta á tortilla a domicilio. Que ninguén as de por mortas. ÿ un só gol a superar e todas as ganas do mundo para facelo.
POIO PESCAMAR (3): Nerea; Charo, Ceci, Peke, Elena -cinco inicial-, Carmen (p.s.), Mar, Yoli, Tania, Bibi, Claudia e Kiko.
CLUB SPORTIU RUBÍ (4): Nerea; Mery, Laya, Laura, Nona -cinco inicial-, Mónica (p.s.), Ana, Alba, Ainhoa e Sandra.
Árbitros: Jesús Montero Garrido (A Coruña) e Fidel González Armada (Ourense). Amoestaron a Ceci, Carmen e Ainhoa.
Goles: (1-0) Minuto 3: Charo. (2-0) Minuto 3: Ceci. (2-1) Minuto 6: Mery. (2-2) Minuto 16: Mery. (2-3) Minuto 24: Ana. (2-4) Minuto 30: Nona. (3-4) Minuto 30: Ceci.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Cheo absoluto. Partido de ida da eliminatoria de ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino.