O Poio Pescamar viaxa a Rubí en busca dunha remontada para a historia
Por Redacción
Chega a hora da verdade para o Poio Pescamar. Só 40 minutos separan as vermellas do ascenso á Primeira División feminina de fútbol sala, pero para conseguilo as rapazas adestradas por Marcio Santos deben remontar o resultado do partido de ida ante o Esportiu Rubí (3-4).
A expedición do Poio Pescamar buscará a machada en terras barcelonesas (sábado 18:00 horas no Pavillón La Llana) ante un equipo, o Rubí, que só perdeu un partido en toda a tempada, pero non estarán soas, xa que xunto a elas viaxaron 120 afeccionados convencidos de poder vivir un día histórico na que supón a primeira participación do club no play-off de ascenso á máxima categoría nacional.
Todo o plantel desprazouse a Barcelona, incluída a lesionada San, aínda que Marcio conta coa dúbida de Peke despois de sufrir unha lesión no seu xeonllo no partido de ida disputado o pasado sábado na Seca.
Para lograr o ascenso o Poio deberá gañar o encontro cunha renda de dous goles, ou por un tanto a partir dun suposto 4-5.