Resultados esperanzadores para a Escola Hungaresa no primeiro Torneo Nacional de Sabre da tempada
Por Redacción
A localidade madrileña de Barajas foi escenario do primeiro Torneo Nacional de Sabre de categoría infantil da tempada, e alí estivo presente a Escola Hungaresa de Esgrima.
O club pontevedrés desprazou á cita a sete tiradores, cinco no cadro masculino e dous no feminino, conseguindo uns resultados esperanzadores.
Foi o caso de Pilar Garnelo e Leyre Grande, que finalizaron respectivamente na quinta e a sexta posición. Ambas superaron con autoridade a fase clasificatoria, gañando todos os seus enfrontamentos, accedendo ao cadro final, onde superaron o seu primeiro asalto cedendo no segundo, Pilar por 15 tocados a 10 e Leyre por 15-14, e quedando ás portas do podio.
Tamén quedou preto do caixón de honra Iago González na competición masculina, ao finalizar na sexta praza. O deportista da Escola Hungaresa venceu todos os seus asaltos na fase previa. Despois quedou exento na rolda dos 64 mellores foi avanzando ata a rolda de 8, na que perdeu por 15 a 11.
Na mesma categoría competiron André Martín, Gabriel Covelo e Xián Alonso concluíndo en 31ª, 37ª e 39ª posición respectivamente.
Uns resultados que elevan as expectativas do club ante os próximos torneos nacionais que se celebrarán en Barcelona e Cádiz. Mentres tanto, a Escola Hungaresa ultima ademais a organización da segunda proba do Circuíto Infinity 18/19, correspondente ao ránking galego de sabre que se celebrará a próxima fin de semana en Pontevedra para as categorías benxamín, alevín e cadete.