O Mareantes celebra os seus 30 anos de vida cunha reunión de veteranos
Por Redacción
O campo municipal de Monte Porreiro será escenario este sábado 22 de decembro dunha xornada especial para o Mareantes Rugby Club Pontevedra.
Alí celebrarase unha reunión de veteranos do club e achegados para conmemorar os primeiros 30 anos de vida do que foi o club decano do seu deporte na Boa Vila.
A intención da xornada é rememorar a foto do primeiro XV do Mareantes e homenaxear á xeración do 88 coa entrega da Insignia de Prata do Club a fundadores como Benito Hermida, Antonio Lemos (ex-presidente da Federación Galega de Rugby), Alfonso Mandado (Internacional absoluto con España e ex-presidente da Federación Española de Rugby), Felipe Blanco (internacional absoluto con España) e demais asistentes.
Está previsto que se dispute un partido (13:00 horas) entre vellas glorias e amigos, tendo continuidade co tradicional terceiro tempo e finalizando cunha comida.
Durante a xornada levará a cabo ademais unha recollida solidaria de alimentos en favor do Banco de Alimentos.