Importante vitoria do Poio Pescamar ante o AD Alcorcón (4-1)
Por Sofía Lorenzo & Mónica Patxot
O Poio Pescamar afiánzase tras enfrontarse en choque directo, e saír vitorioso, ao AD Alcorcón, que chegou este sábado ao Municipal de Poio co obxectivo de abandonar unha mala racha de 3 derrotas consecutivas.
Foi un partido con dúas partes totalmente diferenciadas. A primeira comezou de forma preocupante para o equipo pontevedrés. Un rexeite desafortunado á saída dun córner, derivou nun gol do conxunto visitante a escasos 3 minutos do inicio. Con todo, e a pesar de que nestes casos é difícil asimilar este tipo de golpes, as de Dani Díaz souberon sobrepoñerse á perfección ao punto de non só empatar segundos despois, senón dominar totalmente e volver marcar no ecuador do primeiro tempo. Os goles viñeron da man de Ceci (4´) e de Jessy (10´).
A segunda metade foi outra cousa. O cadro madrileño non baixou os brazos e, tras o paso polo vestiario, saíu á pista con moitas máis ganas de levar o partido do que demostraran durante os primeiros 20 minutos. Converteuse nun duelo directo, onde os goles podían chegar por calquera dos dous lados (o exemplo máis claro foi un remate ao traveseiro por parte das alcorconeras).
Con todo, neste deporte, xeralmente, quen demostra maior eficacia é o que leva os 3 puntos. E así foi. Dani Sousa primeiro e Jenny Lores nos últimos compases do encontro, déronlles ao Poio Pescamar a súa sexta vitoria no que vai de tempada, o suficiente para manterse en oitava posición cun partido menos que o resto, choque que disputarán o próximo xoves 27 de decembro na pista do Amarelle como despedida do ano.
POIO PESCAMAR (4): Silvia; Jessi, Dani Sousa, Ale de Paz, Jenny (quinteto inicial), Ceci, Iria, Irene García e Cárol.
AD ALCORCÓN (1): Belén; Aída, Isa García, Carla Duco, Ballesteros (quinteto inicial), Paula, Nerea Moldes, Pipi, Irene Samper, Ana Rivera e Cintia.
Goles: 0-1 Ana Rivera (3'), 1-1 Ceci (4'), 2-1 Jessi (10'), 3-1 Dani Sousa (39') e 4-1 Jenni Lores (40').
Árbitros: José Manuel Carrerira Romero e Raquel Manteiga Rodríguez, que mostraron cartón amarelo a Iria e Ceci, por parte do Poio Pescamar, e a Aída, Isa García e Duco, do Alcorcón.
Incidencias: Pavillón Municipal de Poio ante ao redor de 400 espectadores.
Relacionadas:
-
Silvia Aguete queda ás portas de ser nomeada mellor porteira do mundo
Por Redacción |
-
Poio Pescamar sofre para dobregar a Viaxes Amarelle no derbi aprazado (2-3)
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar saca o seu lado solidario organizando unha recollida de xoguetes
Por Diego Espiño |
-
O Poio Pescamar cae ante o Atlético Navalcarnero (6-4)
Por Redacción |
-
O nomeamento de Silvia como unha das mellores gardametas do mundo, un "orgullo" para o Poio Pescamar
Por Redacción |