Galicia debuta con bo pé no Nacional sub16 e sub18, con dobre vitoria ante Estremadura
Por Redacción
Non puideron estrearse mellor as seleccións galegas sub16 e sub18 de fútbol no Campionato de España por autonomías que se está a disputar no campo de Baltar, en Portonovo.
Os combinados galegos impuxéronse a Estremadura por 2-1 e 3-1, respectivamente.
Cun gran ambiente nas bancadas, os galegos sub16 dominaron o seu partido na primeira parte e acabaron sufrindo na recta final.
Os de Roberto Álvarez fixéronse co control da pelota desde o principio e xa no minuto 17 atoparon premio ó seu fútbol cun gol do deportivista Hugo Novoa. Ademais, perdoaron varias ocasións claras para sentenciar o partido antes do descanso.
Na segunda metade si puido ampliar a distancia Galicia gracias a un penalti claro cometido sobre o incombustible Miguel. O capitán do equipo, Damián Rodríguez, encargouse de executar o penalti marcando o segundo gol. Pero chegou de seguido a resposta estremeña tamén en forma de penalti. Man dentro da área e Javier Tapia marcou desde os once metros.
A partir de aí Estremadura buscou a igualada e tiveron un par de opcións moi claras por mediación de Samuel, pero non lograron marcar o segundo gol.
Pola súa banda, o combinado xuvenil tivo todo a favor con dous goles moi cedo. Iker Losada, o gran protagonista do encontro, abriu o marcador cunha xogada individual na que demostrou o talento que posúe. O de Catoira foi un pesadelo para os defensores estremeños.
No minuto 21 marcou Hugo nun remate no primeiro pau á saída dun córner e mesmo tiveron varias ocasións máis para ampliar a súa renda.
Melloraron os verdes na segunda metade e no 57 Alberto Vaquero recurtou a distancia e chegaron minutos complicados ata que Lautaro foi profeta na súa terra e marcou o terceiro nun campo que coñece moi ben. O canteirán do Portonovo xa o tentara antes cun remate ó poste e no 77 puxo a sentenza co 3-1 definitivo para o combinado dirixido por Jesús López.
Galicia descansa na segunda xornada, na que Estremadura e a Comunidade Valenciana enfróntanse no campo de San Pedro (Vilalonga). Os galegos retomarán o campionato o sábado ante os equipos valencianos.
Relacionadas:
-
Galicia non pode con Valencia na despedida do Nacional sub16 e sub18 de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Galicia enfrontarase en Sanxenxo a Estremadura e Valencia no Nacional sub16 e sub18 de fútbol
Por Redacción |
-
Entrada de balde para os Campionatos de España de Seleccións Autonómicas Sub-16 e Sub-18
Por Redacción |