Ao redor de 150 atletas participan na primeira edición do Dúatlon de Poio
Por Redacción & Diego Torrado
A primeira edición do Dúatlon de Poio, que se disputou durante a mañá deste domingo, foi todo un éxito no que a participación se refire. Ao redor de 150 deportistas percorreron os 27 quilómetros e medio que foron acondicionados ao longo de Campelo e Lourido para a proba. Ademais, a xornada estivo acompañada polo bo tempo despois do temporal da pasada semana.
A actividade, organizada polo Club Ciclismo Tríatlon Poio en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon, comezou ás 11:00 horas coa carreira masculina sen corte. A continuación, ao redor das 12:30 foi a quenda da proba de categoría masculina con corte, mentres que dez minutos despois tomaron parte as atletas.
O dúatlon, que tiña carácter clasificatorio para o campionato galego da modalidade, desenvolveuse no traxecto entre as dúas localidades poienses en 'sprint', comezando con 5 quilómetros de carreira a pé, seguindo con 20 quilómetros sobre a bicicleta e, finalmente, 2,5 de carreira, de novo, a pé.
Os vencedores foron Aída García (Club Ciclismo Tríatlon Poio) e Brais Misa (Arcade Inforhouse Santiago).
A competición pasará a formar parte do calendario deportivo anual do concello pontevedrés.