O Arxil abre proceso electoral á presidencia do club
Por Redacción
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acolleu este luns 18 de febreiro unha Asemblea Extraordinaria do Club Baloncesto Arxil.
O motivo da mesma era a aprobación do calendario e o regulamento das eleccións á presidencia do club, cuxo proceso abre agora.
Antes celebrouse á súa vez a Asemblea Ordinaria, na que se presentou aos socios o informe económico da tempada 2017-2018 e o orzamento da tempada en curso.
En canto á convocatoria electoral, salvo sorpresa a actual dirixente do Arxil, Milagros Sanmartín, optará a continuar no cargo. Para iso, tras a constitución da xunta electoral e un período para reclamacións, abrirase un prazo de presentación de candidaturas que finalizará o próximo 27 de febreiro, sendo necesario presentar o 10% de avais de socios para poder optar á presidencia.
A lista definitiva de candidatos farase pública o día 1 de marzo, e se existe máis dun aspirante as eleccións terán lugar o día 4 do mesmo mes.