Cómoda vitoria do Arosa ante o Bergantiños na honra de Abelardo Gómez (2-4)
Por Redacción
O Arosa viaxou á Coruña para enfrontarse ao Bergantiños, equipo líder da categoría, nesta ocasión vestindo brazalete negro en memoria de Abelargo Gómez, directivo do cadro visitante. Este logrou a vitoria con comodidade (2-4), coa metade dos tantos anotados por Sylla, que, desta forma, colócase como máximo goleador da categoría empatado con Rubén Rivera (ambos con 20).
Comezou dominando o cadro arousán, que xa no primeiro minuto de xogo conseguía poñerse por diante no marcador cunha acción de Chiqui que se materializou na portería de Cristopher. Co 0-1 continuaron ata o 22', cando un centro de Julio Rey terminou sendo gol (2-0). Conseguía así o Arosa unha vantaxe tranquilizadora, que mantería ata case o final do partido. Os locais, pola súa banda, frouxos arriba, non lograron reducir a renda establecida polos seus rivais na primeira parte.
Despois do descanso, a dinámica continuou sendo a mesma. Tanto, que dous goles consecutivos de Sylla (63' e 69') case terminaban por sentenciar o partido. O primeiro, ao converter un penalti cometido sobre el mesmo. O segundo, nun man a man co gardameta local tras un fantástico pase de Luís García (4-0).
Con todo, ante o derroche dos de Sáez, os anfitrións comezaron a arriscar, e despois dun intento de Rubén Rivera que case suma o primeiro para estes (69'), o mesmo, no tempo de desconto logrou marcar o 4-1 (91'). Para sorpresa dos visitantes, os tres minutos engadidos deron para moito, xa que a falta de pouco menos dun para o asubío final, Álex Diéguez anotou o 2-4. A pesar diso, non foi suficiente e os tres merecidos puntos viñeron para Vilagarcía.
Consulta a acta do Bergantiños-Arosa.
O Céltiga deixa, dunha vez por todas, atrás a temida zona de descenso. Xa a pasada semana conseguía zafarse da parte máis baixa da táboa, pero este domingo ante o Boiro, equipo que se posiciona penúltimo na categoría, asegurouse unha xornada máis a súa boa situación con respecto a anteriores citas desta tempada.
Comezaron dominando os de Manolo Núñez no Salvador Otero. A pesar diso, o gol resistiríase ata pasada a media hora de xogo, cando Santi Figueroa lograba sumar o 1-0 co que se irían ao descanso. Os de Boiro, con todo, non conseguiron crear accións perigosas ante a portería de Marcos Bermúdez, polo que a vantaxe tornábase aínda máis esperanzadora para os locais.
Tras o paso polos vestiarios, a tónica do partido non foi diferente. Os anfitrións continuaron controlando o balón e, no 73', por medio de Pedro Delgado marcaron o definitivo 2-0. Os de Rubén López tiveron que renunciar, así, a sumar tres puntos moi importantes para eles.
Consulta a acta do Céltiga-Boiro.
Choque directo o que disputaron esta fin de semana o Ribadumia e o Villalbés na Senra. Como era de esperar, o partido terminou en táboas, o que supuxo que os locais se manteñan na antepenúltima posición, na súa pelexa por escapar da zona de perigo.
A igualdade reinou durante os 90 minutos de xogo. Os primeiros en poñerse por diante no marcador foron os locais, que, por medio de Buyo sumaron o 1-0 no 17'. Así marcharían ao descanso, coa vantaxe provisional, pero non tranquilizadora, do cadro anfitrión.
Tras o paso polos vestiarios, non tardaron en igualar o choque os de Simón Lamas. A escasos tres minutos do asubío, Xusto conseguiu o 1-1. Ante a superioridade destes durante algúns momentos da segunda parte, os do Salnés non puideron facer nada por volver aumentar a renda, o que lles obrigou a conformarse coa repartición de puntos.
Relacionadas:
-
O Ribadumia continúa ancorado á zona de perigo tras a derrota ante o Ourense CF (0-1)
Por Redacción |
-
Un gol de Luís García dálle ao Arosa unha importante vitoria ante o UD Ourense (1-0)
Por Redacción |
-
Arosa e Céltiga encaixan severas goleadas en Ferrol e Redondela
Por Redacción |
-
O Céltiga vence a un dos pesos pesados da categoría, o CD Barco
Por Redacción |
-
O Arosa pode levarse o partido ante o Paiosaco pero confórmase co reparto de puntos (0-0)
Por Redacción |
-
Contundente vitoria do Arosa sobre o Silva na Lomba (3-1)
Por Redacción |