Final pola permanencia para o Arxil no CGTD
Por Redacción
A hora da verdade aproxímase para o Club Baloncesto Arxil, que a falta de cinco xornadas para a conclusión da Liga Feminina 2 afronta unha auténtica final pola permanencia na categoría.
As verdes deben referendar a melloría que lle fixo abandonar os últimos postos na visita este sábado ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (19:30 horas) do equipo que precisamente marca a barreira co descenso, o Maristas da Coruña.
Trátase dun duelo clave e que en caso de triunfo deixaría a permanencia na man de maneira virtual, xa que o Arxil aumentaría a 3 vitorias a súa vantaxe con só 4 partidos por xogarse.
Ben o sabe o club pontevedrés, que pediu o apoio dos seus afeccionados para lograr un ambiente que axude ás de Mayte Méndez a saír vencedoras dun encontro que se presenta en grao sumo igualado a teor da traxectoria recente de ambos os dous conxuntos.
A entrada ao CGTD será de balde para o público.