Os mellores atletas galegos acuden a San Pedro para participar na primeira cita desde a súa reforma
Por Redacción & Diego Torrado
Os mellores atletas do panorama galego acudiron esta fin de semana ao Municipal de San Pedro de Marín para participar na primeira competición homologada desde a reforma das instalacións. Nesta ocasión, o Galego de 10.000 metros en pista ao aire libre, organizado polo CD Pinarium e o apoio da Federación Galega de Atletismo.
A cita deu comezo ao redor das 10:45 deste domingo coa proba de 5.000 metros en categoría Sub-18 e Sub-20 feminino. A continuación foi a quenda dos homes Sub-18, que arrincaron na mesma distancia pasadas as 11:00 horas.
Unha vez finalizadas as mesmas, chegou o momento das dúas carreiras estrela da xornada. Primeiro as absolutas féminas, onde destacou Ariadna González (agora campioa absoluta na devandita modalidade), do Trega, ao finalizar primeira os 10.000 metros. Cristina Torres e Ana Isabel López compartiron o podio coa prata e o bronce, respectivamente. Na proba masculina, que se dividiu en dúas series por contar cunha participación notablemente maior (unha primeira saída ás 12:30 e unha segunda ás 13:15), coroouse campión autonómico Manuel Hurtado, da Gimnástica de Pontevedra, seguido por Esteban Iglesias e Víctor Alonso Ares.
Ademais, María Pilar Márquiz, Máster 65 do CA Sada, logrou, durante o desenvolveu da proba dos 1.500 metros, bater o récord galego na devandita distancia (cun tempo de 6:38.57).
Finalmente, para colocar o broche de ouro á xornada de atletismo, o club organizador quixo incluír aos máis pequenos na cita, polo que celebrou unha proba oficial para benxamíns, alevíns e infantís de 500 metros.