O Arosa non aproveita a superioridade numérica e cae ante o Choco na casa (0-1)
Por Redacción
O Arosa recibiu este xoves ao Choco, rival directo na pelexa por meterse entre os primeiros postos da categoría. Con todo, despois de dúas vitorias consecutivas, a última con autoridade ante o CD Boiro en Barraña (1-4), os de Rafa Sáez desaproveitaron a oportunidade de desbancar ao UD Ourense e posicionarse cuartos ao caer ante os de Redondela.
Comezou liderando o cadro visitante, que aos 17 minutos do inicio do choque xa conseguía poñerse por diante no marcador. Por medio dunha falta directa executada por Palmás e interceptada por Manu Táboas, Félix Rial terminou establecendo o 0-1. Responderon os locais. Crearon varias ocasións que non chegarían a materializarse, o que supoñería que chegase o tempo de desconto coa vantaxe do Choco.
A segunda parte empezou con revés para os de Gonza Fernández. Ao minuto da continuación, Comis recibía a súa segunda amarela, o que deixaba aos seus en inferioridade numérica os 45 restantes. A pesar de que isto notouse no xogo, con respecto á primeira metade, non chegou a reflectirse no electrónico. A bancada da Lomba viu posible a repartición de puntos a falta de oito minutos para o final, cando unha caída de Sylla dentro da área auguraba penalti. Mais, finalmente, ante o descontento dos afeccionados arousáns, o partido continuou.
O Arosa, que creou, nesta ocasión, máis perigo ante a portería de Cortegoso, non conseguiu que os tres puntos quedasen en Vilagarcía.