Tripla medalla de bronce para o Ravachol Pontevedra na festa do bádminton nacional
Por Redacción & Diego Torrado
O pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe converteuse durante a fin de semana en toda unha festa do bádminton nacional coa celebración dos Campionatos de España Absoluto e Sub-11.
Pola instalación pontevedresa pasaron os mellores xogadores do ranking, fóra da campioa olímpica Carolina Marín por lesión, na busca de conseguir o título nacional.
Esa honra recaeu en dúas das raquetas que chegaban como máximos favoritos nas categorías nacionais. Por unha banda o aragonés Pablo Abián conseguiu a súa 12ª coroa no Campionato de España ao superar na gran final a Enrique Peñalver (21-10 e 21-11), mentres que na categoría feminina Clara Azurmendi levou a medalla de ouro gañando no partido polo título a Sara Peñalver, retirada por problemas físicos.
A festa foi completa ademais para o club organizador, o Ravachol Pontevedra, porque ao bo ambiente nas bancadas sumou a consecución de tres medallas de bronce, as de Manu Brea e Álex Nogueira no dobres masculino e a de Raquel Miguens no dobres feminino facendo parella con Nelly Iriberri.
Os títulos de campións de España en dobres foron a parar a Javier e Pablo Abián na categoría masculina, con dobrete por tanto para o vencedor individual, Haidee Ojeda e Laura Molina no dobres feminino e Lorena Usle e Alberto Zapico no dobres mixto.
Durante os tres días do campionato foron 75 clubs de quince comunidades autónomas e 200 deportistas os participantes no evento, contando tamén coa categoría Sub-11, disputándose en total preto de 600 partidos.
Relacionadas:
-
Éxito do Bádminton Pontevedra en Collado Villalva e As Neves
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol ata a continuidade de Ana Carbón
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol comeza coas renovacións no seu equipo de Primeira Nacional
Por Redacción |
-
O badminton nacional buscará os seus novos campións en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Alejandro Ramos e Raquel Miguens, campións de España de badminton
Por Redacción |
-
Natalia Murio vence no máster de Medina del Campo de bádminton
Por Redacción |