O número 1 do ranking internacional apea a Iván García do Mundial de taekwondo
Por Redacción
Iván García (Mat's de Marín) non puido meterse na pelexa polas medallas do Campionato do Mundo Absoluto de Taekwondo que finalizou este domingo na localidade inglesa de Manchester.
O deportista do Mat' s caeu nos oitavos de final da competición na categoría de -87 quilos, aínda que deixando unha imaxe positiva ante o número 1 do ranking mundial, o ruso Vladislav Larin.
Antes de chegar a ese enfrontamento, Iván conseguira dobregar ao turco Hasan Can Lazoglu, con quen perdera no Open de España, por un apertado marcador de 7-6. Xa en oitavos, o marinense dominou o primeiro asalto e mantívose a só un punto ao termo do segundo, pero terminou cedendo á maior experiencia do ruso (5-15).
A pesar diso "quédome con que aguantei dous asaltos e medio contra un mozo deste nivel, mantendo o tipo e dando a cara. Foi unha gran experiencia e con moitas ganas de seguir sumando e aprendendo", declarou ao final da competición.
Peor lle foi o campionato á moza Arlet Ortiz (Mat's), que se viu eliminada en -57 quilos na primeira rolda, ao ceder nun axustado combate que se decidiu no punto de ouro contra a filipina Pauline Louise López.
O mellor resultado do Campionato do Mundo para o taekwondo pontevedrés logrouno no primeiro día de competición Sara Cortegoso (Mace Sport) tras alcanzar os cuartos de final e quedar a un paso das medallas.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Sergio Troitiño consegue a medalla de ouro no Europeo cadete de taekwondo
Por Diego Espiño |
-
Bos resultados para o Mace Sport nos nacionais sub-21, júnior e cadete de taekwondo
Por Redacción |
-
O Taekanart recibe a máis de 300 deportistas para o Open Cidade do Lérez
Por Sofía Lorenzo |
-
Sara Cortegoso queda a un paso das medallas no Mundial de taekwondo
Por Redacción |
-
Reto mundial para Sara Cortegoso, Arlet Ortiz e Iván García en Manchester
Por Redacción |
-
Sara Cortegoso, Arlet Ortiz e Iván García selan o seu pase ao Mundial de taekwondo
Por Redacción |