Manuel Hurtado imponse no Media Maratón de Pontevedra máis popular
Por Diego Espiño
Récord de participación. Finalmente foron 1.244 os corredores que tomaron a saída no Media Maratón de Pontevedra nun día perfecto para a práctica do atletismo.
Manuel Hurtado, atleta do Academia Postal Ourense impúxose cunha marca de 1:07:27 nunha proba que se desenvolveu sen incidencias destacables. Tras el chegaron dous atletas da Sociedad Gimnástica, Rafael Fuentes, a 33 segundos do vencedor (1:08:00), e José Antonio Ramallo, a un minuto e un segundo (1:08:28).
En categoría feminina a vitoria foi para a moañesa Águeda Blanco (1:21:51) seguida por Soledad Castro (1:22:54) e Eva María Iglesias (1:28:21).
O presidente da Gimnástica, Ramón Touza, mostrouse satisfeito á conclusión da carreira polo podio de dous dos seus atletas pero sobre todo por unha organización que cualificou de "sobresaliente".