Alexei Shirov brillante gañador do Cidade de Pontevedra de xadrez
Por
Remate de luxo para o torneo de maior nivel e participación na historia do xadrez galego. O subcampión mundial, Alexei Shirov, derrotou ao húngaro Robert Ruck na última e decisiva ronda nunha partida espectacular, merecedora do premio de brillantez Ramón Escudeiro Tilve, na que puidemos ver ao mellor Shirov, ao que engancha ao público co seu xogo de ataque.
O armenio, Grygorian, fíxose co segundo posto da xeral, tras derrotar ao catalán Narciso. Pulvett completou o podio ao impoñerse á rusa Solozhenkina. Sabor agridoce para o venezolano ao quedar ás portas da súa terceira e definitiva norma de Gran Mestre. Necesitaba completar unha actuación de 2600 e quedou en 2579.
O primeiro español foi o castelán leonés, José Luis González Trigal, sétimo da xeral con 6,5 puntos, mentres que os primeiros galegos clasificados, ambos con 6 puntos, foron Miguel Senlle, 12º, e o local Alberto Portela, 13º.
A rusa Solozhenkina foi a primeira muller clasificada. A súa derrota de última rolda ante Pulvett relegouna á vixésimo primeira posición da xeral e privoulle da súa terceira norma de Gran Mestra Feminina. A pesar de todo realizou un magnífico torneo, no que acumula unha subida de 15,20 puntos ELO na clasificación mundial.
Philip Adams foi merecedor do premio para o mellor veterano da categoría Masters. Adams logro 4 vitorias e 5 derrotas, as 5 ante xogadores titulados.
Clasificación completa nesta ligazón.
GRUPO AMATEUR
David Buitrón proclamouse Campión do Amateur con 9 de 9. O xogador galego de 16 anos consegue o título da categoría amateur, cun espectacular rexistro de 9 vitorias. Completaron o podio Gerardo Gil Pérez, prata, e Alejandro García Pumarega, bronce. A nova Campioa Galega, Marta Quintás, caeu ata a oitava posición tras a súa derrota da última rolda, ante o belga Dumont.
O premio ao mellor veterano da categoría amateur gañouno Juan Antonio Gutiérrez Bolado, clasificado no posto 17 da xeral amateur, con 6 puntos.
Nesta ligazón pódese consultar a clasificación completa.
PREMIO RAMÓN ESCUDEIRO TILVE Á MELLOR PARTIDA DE ATAQUE
Un esixente xurado, formado por dous Grandes Mestres e dous Mestres Internacionais, decidiu, por unanimidade, conceder o galardón a Alexei Shirov. A súa última partida ante o húngaro Robert Ruck pon o broche de ouro a un torneo de récord. Aínda sabendo que un empate permitiríalle proclamarse campión, Alexei lanzouse ao ataque, con ambición, asumindo os riscos que asumen os grandes campións. Sacrificios, moita táctica e sangue fría. Alexei debía atopar o camiño ao KO do seu rival ou o material sacrificado levaríalle a un final perdido. En fronte, o único xogador que seguira o seu ronsel no torneo, non llo ía a poñer fácil. Estes son os ingredientes necesarios para cociñar un premio de beleza. Xa só faltaba un remate e Shirov atopouno, mate imparable na xogada 32.
O torneo repartiu un montante de 12.000 euros, cun primeiro premio de 2.000 para o Campión, Alexei Shirov.
Participaron na clausura do evento, Daniel Rivera, Presidente da Escola Xadrez Pontevedra, María Teresa Vázquez en representación do Colexio Los Sauces Pontevedra; Alfonso Mandado, Director de área en Vicerrectoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e Anabel Gulías en representación do Concello de Pontevedra.
Consulta toda a información do desenvolvemento do torneo na páxina web oficial, www.xadrezpontevedra.com.