Adrián Soliño, nove veces campión de España a pesar das pingueiras e as humidades
Por Manu Otero
O ximnasta pontevedrés, Adrián Soliño, volveu subirse a pasada fin de semana ao máis alto do podio no campionato de España de ximnasia trampolín que se celebrou en Valladolid. No tumbling non hai ninguén mellor que el. Leva nove medallas de ouro e cinco anos consecutivos dominando esta disciplina de ximnasia acrobática a nivel nacional. E faino cunhas condicións de adestramento pésimas e escaso recoñecemento social.
"Bótase de menos un pouco de recoñecemento por parte das institucións, ou ganas unha medalla nun campionato do mundo ou non che coñece ninguén", lamenta Soliño.
Este ximnasta de 32 anos dedica toda a súa vida á ximnasia. Ademais de adestrar entre tres e catro días por semana, encárgase tamén da formación de nenos e novas promesas nun club da Estrada e no seu equipo, o Ximnasia Pontevedra. Teñen o seu centro de operacións no pavillón do IES A Xunqueira I e a pesar de que levan anos solicitando unha reforma da instalación e que cada ano o número de ximnastas aumenta, o estado do edificio segue sendo ruinoso.
"Se fai calor fóra, dentro moito máis; se fai frío, dentro moito máis, cando hai choiva, tamén nos chove dentro, hai humidade e os materiais estráganse moi rápido", expón Soliño, que leva varios anos esperando a que o Concello cumpra a súa promesa.
As escolas municipais acaban de poñerse en marcha e este curso, a demanda para unirse ao Ximnasia Pontevedra está a bater récords. "Isto non é como o fútbol ou outros deportes que tes a todos os nenos en movemento á vez, facemos unha cola para saltar e algúns están cinco ou dez minutos parados collendo frío", alerta o ximnasta.
Aínda así, os resultados do club a nivel nacional e internacional son cada vez mellores. En tumbling, unha disciplina consistente nun corredor de vinte e cinco metros na que o ximnasta completa unha serie de oito acrobacias para rematar cun salto final nun colchón, Adrián Soliño conseguiu esta fin de semana o seu noveno título nacional, que se unen a unha prata conseguida fai seis anos e un bronce nos seus inicios na competición.
"Non é habitual competir a estas idades, o meu compañeiro e eu somos os máis veteranos", explica o dominador desta disciplina en España. Esta vez, a medalla de prata levoun o seu compañeiro, Iván Estévez.
Noutras categorías inferiores de tumbling, os pontevedreses Román Senín e Inés Vidal levaron a prata. En dobre minitrump, a pontevedresa Melania Rodríguez, que opta aos Xogos Olímpicos de Tokio, levou o ouro; Alejandro Bernárdez e o ourensán Daniel Pérez, a prata e o bronce. Mentres que Santiago Brea foi terceiro en dobre minitramp nivel 8. Melania Rodríguez tamén foi primeira en trampolín e o club pontevedrés, segundo por equipos en dobre minitramp.
Ademais, Alejandro Bernárdez, Daniel Pérez e Melania Rodríguez permanecen en Valladolid para participar esta fin de semana unha proba da copa do mundo e viaxarán a Tokio en novembro para disputar o mundial.
XIMNASIA ACROBÁTICA, EN ALZA
Nos últimos anos o nivel da ximnasia acrobática en España non deixa de crecer. As categorías inferiores dos equipos contan cada vez con máis integrantes e nos campionatos cada vez pódense ver exercicios de maior dificultade e cunha execución que roza a perfección. "En dobre minitramp e trampolín había moito nivel, tamén se ve máis afluencia en categorías de base e elite", destaca Adrián Soliño.
En tumbling, as prazas de podio están tamén cada vez máis caras, pero o ximnasta pontevedrés realizou unha rutina que leva traballando desde o 2016. "O obxectivo era o ouro, son exercicios que levo traballando desde hai anos e se os facía ben, sabía que podía gañar". Así foi. As cousas non cambian. Soliño leva once anos sendo o mellor e o seu lugar de adestramento, o peor.
Relacionadas:
-
O protocolo anticovid da volta ao cole deixa ao Ximnasia Pontevedra sen pavillón para adestrar
Por Manu Otero |
-
Melania Rodríguez queda lonxe dos primeiros postos no inicio do Mundial de Trampolín
Por Diego Espiño |
-
As esperanzas olímpicas de Melania Rodríguez, en xogo no Mundial de ximnasia trampolín
Por Diego Espiño |
-
A ximnasta Melania Rodríguez representará a España no mundial de Toquio
Por Manu Otero |
-
O Concello buscará alternativas para os ximnastas á espera do novo pavillón da Parda
Por Manu Otero |
-
As escolas deportivas pechan o prazo de presentación de solicitudes con 2.000 peticións
Por Redacción |
-
Reto de altura para o deporte pontevedrés nos Xogos Europeos de Minsk
Por Diego Espiño |
-
Melania Rodríguez proclámase subcampioa do mundo de Ximnasia Trampolín
Por Sofía Lorenzo |